Lalín dá un novo paso para contar cun estadio destinado ao atletismo

A nova instalación deportiva estará situada nos terreos contiguos ao Lalín Area, e a súa compra suporá un desembolso de 183.430 euros ao Concello

Lalín Arena. DP
photo_camera Lalín Area. DP

 O Pleno que celebra este mércores a Corporación municipal de Lalín aprobará unha serie de modificacións de crédito, por un importe total de 203.430 euros, destinadas a varias finalidades: a ampliación dá área dotacional deportiva do Lalín Area, a compra de terreos para construír un aparcadoiro á beira do cemiterio de Barcia, a formalización a un convenio urbanístico relacionado coa ocupación de terreos do CEIP Xesús Golmar, e para reactivar a plataforma de venda online MercaLalín –creada ao amparo da estratexia DUSI–, coa incorporación de novos negocios e produtos.

As concelleiras de Facenda e Urbanismo, Paz Pérez e Raquel Lorenzo, respectivamente, argumentan que serán destinados 183.430 euros á adquisición de terreos para ampliar as instalacións deportivas do Lalín Area e así incrementar os servizos municipais aos veciños en materia de instalacións deportivas públicas, a fin de configurar nesta zona un amplo complexo.

O proxecto a executar inclúe completar esta área área mediante a ocupación de terreos lindeiros ao norte, que están clasificados como chan rústico común cunha extensión aproximada de 3,5 hectáreas. "Temos previsto iniciar a tramitación e aprobación do correspondente instrumento de planeamento de desenvolvemento", explicaron.

REUNIÓNS. O alcalde de Lalín, José Crespo, e a concelleira responsable da área de Urbanismo mantiveron varias reunións previas cos propietarios dos terreos afectados co obxectivo de avanzar na obtención do chan necesario para esta actuación, mediante a formalización de convenios urbanísticos.

A decisión foi adoptada tras varias reunións dos representantes municipáis cos propietarios afectados

"Prevemos a adquisición dunha primeira fase, mediante compra, dos terreos máis próximos ás actuais instalacións do equipamento municipal Lalín Area", sinala o Concello.

A finalidade é configurar un ámbito que posibilite o seu ampliación nunha extensión de 19.387 metros cadrados, e que leva a cabo durante este mandato; para, máis adiante construír unha pista de atletismo, tal como anuncioulle o Goberno local lalinense ao Club Escola de Atletismo Deza en varias reunións. Por outra banda, a compra de terreos para poder construír uns estacionamentos de vehículos á beira do cemiterio de Barcia suporá un desembolso económico para as arcas municipais de 1.700 euros, mentres que o investimento será de 6.200 para formalizar un convenio urbanístico relacionado coa ocupación de terreos do CEIP Xesús Golmar.

IMPULSO.  Por outra banda, as concelleira de Facenda, Paz Pérez, e de Comercio, Karen Fernández, respectivamente, promoven unha modificación de crédito para dar un novo impulso á plataforma de comercio online MercaLalín que se puxo en marcha no ano 2020 e conta con 92 tendas rexistradas, 7.190 produtos subidos, 811 seguidores en Facebook e 651 en Instagram.

A finalidade da intervención é contratar os servizos dunha empresa especializada en informática e creación de novas páxinas web, que continúe a realizando labores de captación de negocios en plataforma de comercio electrónico e asesore aos novos que se unan a esta ferramenta para subir os seus produtos á rede, ofrecéndolles formación, e actualizar os que están. Destinaranse a este fin 12.100 euros.

Comentarios