Lalín destinará 320.000 euros a reformar a Praza da Vila

A obra financiarase co Plan Concellos e executarase en tres meses

Infografía que detalla pormenores del proyecto. DP
photo_camera Infografía que detalla pormenores do proxecto. DP

A concelleira de Parques e Xardíns de Lalín, Celia Alonso, presentou a próxima reforma da Praza da Vila, A proposta, que se financiará con fondos do Plan Concellos, "permitirá poñer en valor de maneira moi importante un dous espazos urbanos neurálxicos e máis concorridos de Lalín, facéndoo máis atractivo, accesible, equilibrado e funcional".

O Concello conta co proxecto básico e de execución e destinará 320.000 euros provenientes do citado plan de fondos da Deputación Provincial.

A praza é un gran espazo aberto dividido en varias zonas por sendas pavimentadas

O plan conta xa cos correspondentes permisos da Dirección Xeral de Patrimonio, xa que o proxecto está dentro do ámbito de protección da igrexa de Lalín. "Unha vez se conte con todas as autorizacións, o Concello sacará a licitación esta iniciativa que terá un prazo máximo de execución de tres meses", indica o Goberno.

Na presentación tamén estivo o alcalde, Rafael Cuíña, que apostou por que a reforma significará "a revitalización e o rexuvenecemento urbano en beneficio e proveito dos veciños de Lalín, en especial de nenas e nenos". En actualidade, a praza é un gran espazo aberto dividido en varias zonas por sendas pavimentadas, cumprindo funcións de parque infantil, de lugar de conmemoración e de reunión. A reforma permitirá contar cun parque feito a medida, no que se integrarán as árbores e elementos da fonte actual. O monólito e o palco, elementos singulares, serán recolocados nunha segunda fase. Os elementos de xogos infantís gañarán protagonismo e serán deseñados expresamente para esta contorna.

Comentarios