A Feira do Cocido fai campaña en Compostela e Crespo avanza novidades para 2021

A capital dezana acollerá o domingo o pregón de Sonsoles Ónega, o pistolezado de saída ao Entroido co tradicional desfile e a encomenda do cocido
Presentación de la Feira do Cocido de Lalín en Santiago. EP
photo_camera Presentación da Feira do Cocido de Lalín en Santiago. EP

A caravana promocional da 52º Feira do Cocido de Lalín desembarcou este mércores en Santiago, a súa novena escala e, como é tradición ano tras ano, a última antes do fin de semana grande na capital do Deza. E fíxoo ademais coa declaración de interese turístico internacional recentemente estreada: de feito, o Boe publicou o decreto só unhas horas antes.

Neste contexto, o alcalde de Lalín, o popular José Crespo, aproveitou para celebrar que a Feira do Cocido xa teña este recoñecemento "de pleno dereito", aínda que admitiu que a prema dos tempos impediu preparar esta edición da festa cunha vocación eminentemente internacional, algo que si farán o ano que vén, prometeu.

No entanto, Crespo, facendo gala do seu coñecido sentido do humor, si recordou que o cocido de Lalín xa gozaba antes do recoñecemento dunha tradición mundial máis aló das fronteiras galegas, como "aquel primeiro cocido preparado na Arxentina de Alfonsín para 1.200 comensais", unha práctica que despois se repetiu en Suíza, Andorra, Portugal, Venezuela ("con pouco éxito por unha tormenta tropical", recordou Crespo) e ata o Vaticano.  E desde a declaración de interese turístico internacional, xa ten "catro ou cinco peticións", como México, Zúric ou Estonia, onde a embaixadora ten as súas raíces en Lalín.

O Concello quere converter o turismo na terceira gran pata da economía xunto ao campo e as pemes

NOVIDADES PARA 2021. De feito, de face ao ano que vén, o rexedor lalinense aproveitou para avanzar algunhas novidades, como a celebración dun mes do cocido en Madrid coa implicación de restaurantes galegos; ou un cocido solidario en colaboración coa Once para 1.111 comensais, grazas á mediación de Miguel Carballeda, o galego que preside a entidade social. Tamén haberá outras modificacións e a reorganización dalgúns aspectos tradicionais da feira, segundo avanzou Crespo, que admitiu que "o verdadeiro traballo comeza agora", porque sempre é máis duro consolidarse que chegar.

Desestacionalizar a feira e a tradición invernal para comer o cocido é outro dos grandes retos de Lalín, pero é algo que xa vai implícito nun programa festivo que arrincou co ano e que se prolongará ata o 23 de maio. Na capital do Deza, que sufriu a crise como poucas polo elevado peso da construción e o téxtil na súa economía, o Concello quere converter o turismo na terceira gran pata da economía xunto ao campo e as pemes. E o mellor reclamo para atraer turistas é, sen dúbida, o cocido.

A Feira do Cocido ten máis de medio século de historia

ASISTENTES. No acto de presentación celebrado no espazo gastronómico Boenerges da capital galega, estiveron presentes tamén o concelleiro compostelán Gumersindo Guinarte; a concelleira lalinense de turismo, Begoña Blanco; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Todos coincidiron con José Crespo á hora de cantar os encomios do cocido. No caso de Guinarte, destacou as estreitas relacións entre a capital galega e a do Deza, un eixo que se beneficia mutuamente da chegada de visitantes a un e outro lugar polas súas boas comunicacións, indicou.

Blanco, pola súa banda, realizou a invitación oficial a pasarse por Lalín e a gozar dos encantos do municipio máis aló do prato e o mantel. E Valentín García falou do cocido como prato "sistémico" da gastronomía galega e incrustado no ADN de todos os galegos. Recordou que a Feira do Cocido ten máis de medio século de historia e puxo en valor que, ademais, todos os produtos que promociona son eminentemente galegos, polo que comprometeu o apoio da Consellería de Cultura e Turismo.

FIN DE SEMANA GRANDE. Aínda que o programa festivo prolóngase medio ano e o cocido degústase en Lalín en calquera data, a capital dezana encara a súa fin de semana máis grande, especialmente este domingo, con pregón de Sonsoles Ónega, o pistolezado de saída ao Entroido co tradicional desfile e a encomenda do cocido, coa presenza entre outros da actriz lucense Benedicta Sánchez, o alcalde de Madrid ou o cantante dos Suaves Yosi Domínguez. E é que, como dixo José Crespo, a Feira do Cocido de Lalín, coa súa declaracion de interese turístico internacional, xa xoga "na Primeira Division", xunto a citas como As Fallas de Valencia ou o Entroido de Cádiz.

Comentarios