Lalín fai público o fallo dos premios 'Maruja Gutiérrez'

As gañadoras son Verónica Ledo Lançao, Natalia González Coego, Eva Fuentes Senra, Rocío Fernández González e Mª Eva Paz Aguiar

Eva Fuentes Senra pola Gandeiría Xoco S.C.; Verónica Ledo Lançao e Natalia González Coego pola empresa Educalecrín S.C.; Rocío Fernández González polo seu labor social e Mª Eva Paz Aguiar do Bar Rosaleda resultaron as gañadoras do XV Premio ás Mulleres Dna. Maruja Gutiérrez 2021, promovido polo Concello de Lalín, a través das Concellerías de Igualdade e de Comercio, con motivo do 8 de Marzo Día Internacional das Mulleres e dirixido a visibilizar e distinguir a profesionalidade, a capacidade de iniciativa empresarial e a traxectoria persoal e social das mulleres lalinenses no 2021.

Este premio nace coa finalidade de difundir as achegas das mulleres lalinenses á sociedade, promovendo a transformación de estereotipos sexistas e rachando coas situacións de discriminación por razón de xénero, así como para estimular e recoñecer o esforzo e a traxectoria de mulleres que están desenvolvendo un labor importante e relevante no ámbito da igualdade de oportunidades a fin de que sirva de exemplo para toda a sociedade e referente para as novas xeracións de mulleres.

Os premios serán entregados nun acto público que terá lugar o luns 8 de Marzo, ás 20.00 horas no Salón Teatro. O xurado escolleu entre as 10 candidaturas presentadas este anos. Eva Fuentes Senra, pola empresa Gandeiría Xoco S.C., recibirá o galardón na categoría de xove empresaria; Verónica Ledo Lançao e Natalia González Coego na categoría de "empresaria innovadora". Na modalidade de Mulleres en Movemento concédese a Rocío Fernández González polo seu labor social e a Mª Eva Paz Aguiar na modalidade de traxectoria profesional "Toda unha vida".

Comentarios