Lalín homenaxea a Laxeiro no 25 aniversario da súa morte

Os actos conmemorativos , nos que participa a Xunta, continuarán durante o fin de semana do 24 e 25 de xullo con varios desfiles e pasacalles 
Imágenes del homenaje a Laxeiro. PARLAMENTO DE GALICIA
photo_camera Participantes da homenaxe a Laxeiro. PARLAMENTO DE GALICIA

O Concello de Lalín homenaxeou este mércores ao pintor José Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro, no 25 aniversario da súa morte, con actos no museo Ramón Mª Aller e no cemiterio da Romea, nos que participaron o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices. 

O representante dá Consellería de Cultura, Educación e Universidade, recordou que o Goberno galego "traballa nunha ampla programación que sirva para pór en valor a figura de Laxeiro con motivo do Día das Artes Galegas 2022" –que se dedicará ao pintor lalinense–. 

"Trátase de todo un acerto que fará que Laxeiro se sume a autores que xa protagonizaron esta efeméride como o Mestre Mateo, Castelao, Maruxa Mallo, Alejandro da Sota, Luís Seoane ou Domingo de Andrade", sinalou Lorenzo. 

Santalices, pola súa banda, indicou que a homenaxe "reforza o protagonismo de Lalín como referencia imprescindible para a arte galega contemporáneo: por ser berce de grandes artistas, pero tamén por honrar e perpetuar a súa memoria, e por divulgar a súa obra".

O ideario persoal de Laxeiro era o galeguismo a pesar de ser cosmopolita

COMPROMETIDO CO EXILIO. "Laxeiro era unha persoa e un artista paradigmático, honesto consigo mesmo, adiantado ao seu tempo, cosmopolita e de mentalidade aberta, como corresponde aos grandes creadores", sinalou o presidente da Cámara galega, que apuntou ademais que ese "cosmopolitismo" non lle impediu "facer gala da súa condición de galego, co galeguismo como ideario persoal".

Neste sentido, Santalices recordou que a colección de arte do Parlamento galego conta con varias obras de Laxeiro, entre as que destacou as vidreiras que o artista elaborou especificamente para a Cámara. 

Para Santalices, "a obra de Laxeiro transciende abertamente as fronteiras ibéricas". O presidente fixo fincapé na etapa arxentina do pintor, "dúas décadas de traballo fecundo, experimentación e contacto coas vangardas artísticas e contacto fluído coa intelectualidade, con especial coidado á relación co exilio galego".

A homenaxe ao artista inclúe a inauguración dunha mostra no museo Ramónª M Aller

HOMENAXES 24 E 25 DE XULLO. A homenaxe celebrada este mércores inclúe a inauguración dunha mostra sobre a figura do pintor no museo Ramónª M Aller composta por unha selección de obras que Laxeiro doou ao Goberno local, así como polos Cabezudos de Laxeiro, figuras inspiradas nunha obra do pintor do mesmo nome e realizadas para o Concello de Lalín pola artista local Luchi Iglesias. Os actos completáronse cunha ofrenda floral ao pé do panteón do pintor no cemiterio da Romea. 

A programación da homenaxe continuará o sábado 24 de xullo con dous pasacalles teatralizados –de 13,00 a 14,00 horas e de 19,00 a 20,00 h.– a cargo dos Cabezudos de Laxeiro, que desfilarán por distintos espazos do centro urbano lalinense acompañados da Carballeira de Cercio. Ademais, o domingo, Día de Galicia, terá lugar uns pasacalles dos Xuncos, de 13,00 a 14,00 h e de 19,00 a 20,00 horas. 

Comentarios