Lalín inaugura unha mostra para divulgar o traballo de Laxeiro

Román Rodríguez loa o papel do Ano Laxeiro por "levar o nome da vila a prestixiosas institucións culturais de Madrid e París"
O Museo Ramón María Aller acolle a exposición do artista lalinense ata o 13 de xaneiro. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera O Museo Ramón María Aller acolle a exposición do artista lalinense ata o 13 de xaneiro. PATRICIA FIGUEIRAS

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou en Lalín na inauguración da exposición Acción Laxeiro, organizada pola Real Academia de Belas Artes en colaboración coa Xunta e o Concello de Lalín, representado neste acto polo seu alcalde, José Crespo. Está incluída nos actos de celebración do Día das Artes Galegas.

O titular de Cultura da Xunta salientou a importancia de todas as actividades realizadas ao abeiro da programación especial polo Ano Laxeiro ao conseguir divulgar o "excelente traballo de Laxeiro" e contribuír a "levar o nome de Lalín, como berce dalgúns dos persoeiros máis importantes da historia da cultura galega, a prestixiosas institucións como a Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid, e o Instituto Cervantes de París".

Formaron parte da programación simposios, iniciativas divulgativas e exposicións itinerantes como a inaugurada onte en Lalín que, expresou Román Rodríguez, "ten unha elevada carga simbólica e sentimental ao poder expoñerse na vila natal do autor".

Neste sentido, o concelleiro afirmou que Acción Laxeiro é unha mostra diferente ao permitir "velo en directo", xa que parte da retrospectiva inclúe a elaboración en vivo dunha das súas obras nun acto público en Santiago de Compostela a finais dos anos 90. Compleméntase con outras de gran interese documental como fotografías de Laxeiro en pleno desenvolvemento do seu proceso creativo, así como retratos elaborados polo pintor lalinense doutros persoeiros da cultura do seu tempo, como Uxío Novoneyra ou Jorge Castillo, entre outros.

Rodríguez agradeceu a Xurxo Lobato, comisario da mostra, a súa labor para plasmar o traballo dun artista que foi "unha combinación constante entre renovación e paixón pola cultura popular galega". O conselleiro animou a visitar a mostra, que poderá verse no Museo Ramón María Aller ata o 13 de xaneiro. "Abraiará aos veciños de Lalín que atoparán na exposición unha parte importante da súa propia historia".

Comentarios