Lalín inicia as obras de mellora do Pavillón de Deportes

O investimento para as dúas fases de reparación e acondicionamento previstas é dun total de 140.000 euros
Lalín pavillón municipal
photo_camera A pista do Pavillón Municipal de Deportes de Lalín. CEDIDA

Comezaron as obras de reparación e acondicionamento do Pavillón Municipal de Deportes que suporán un investimento en dúas fases de preto de 140.000 euros. A primeira de esas fases, cunha dotación de 50.000 euros, e na que xa se está traballando dende principio de semana e permitirá a colocación dun solado moderno de goma na vella pista de cemento, deixándoa en perfecto estado para que poidan xogar nela os rapaces de todas as categorías e de distintos deportes.

Cos traballos que xa se están a acometer, abordarase a modernización da superficie de xogo do pavillón 2 que presentaba importantes gretas e que xa hai anos necesitaba unha reparación e dotación dun novo solado. Este último presentará pintados de canchas grandes de balonmán, fútbol sala e baloncesto no xeito amplo do campo, e tres campos mini de baloncesto, balonmán e fútbol sala ao sentido estreito aos que se engadirán dous campos de bádminton.

Unha vez culminada a obra de cambio da superficie de xogo, acometerase a segunda fase cun orzamento de 89.267 euros. Se construirá en bloque de cemento a separación dos dous pavillóns, quedando unha única porta de comunicación entre as dúas pistas. Haberá cambio de ubicación das baixantes que estaban a provocar numerosas enchentes no pavillón. O campo 2 céntrase para que se manteñan as distancias de seguridade nos dous perímetros. Instalaranse dúas canastras abatibles para conformar un campo regulamentario de baloncesto e canastras nas paredes para conformar ata tres campos de baloncesto. Tamén se instalarán porterías para tres campos de fútbol sala e balonmán. Colocaranse dúas lo-nas removibles que permitirán separar os tres campos mini de deportes. Por último, os baños de público demoleranse para a construción duns novos, con nova louza, novo solado illante e un falso teito. Tamén se cambiará a carpintería e as separacións dos distintos aseos realizaranse en material fenólico.

Por outra banda, o edil de Deportes, Avelino Souto, anunciou que a vindeira semana comezarán as obras da reparación e mantemento do terreo de xogo do Lalín Arena que se acometerá con cargo a dúas partidas distintas. A reparación das zonas de pista danadas polas filtracións da cuberta fracturada polo pedrazo acometerase con cargo ao seguro da construtora da cuberta e o mantemento da pista, que se tiña que ter feito xa entre 2017 e 2018, abordarase con fondos municipais. Este mantemento consistirá na limpeza e pulido da totalidade da pista para proceder a un novo barnizado e pintado da mesma.

Por último, o edil indicou que os traballos de acondicionamento da piscina retrasaranse uns días con respecto ao previsto ao detectarse que unha parte do alicatado do vaso interior estaba en moito peor estado do previsto. Ante o mal tempo para os vindeiros días, o concelleiro decideu acometer a retirada de todo o material deteriorado detectado nos traballos de reparación e de todo o do arredor para que a piscina quede en perfecto estado de revista para a reapertura que se producirá na vindeira semana.

Comentarios