Lalín inviste 47.000 euros no embelecemento do Camiño na Xesta e en Puxallos

As obras que se están a acometer no trazado da Vía da Prata ao seu paso polo Concello buscan humanizar lugares e adecuar zonas verdes
undefined
photo_camera O edil de obras supervisando as actuacións en Puxallos. CEDIDA

 Avanzan as actuacións de mellora paisaxística e embelecemento do Camiño de Santiago que se están a acometer na Xesta e no lugar de Puxallos, en Catasós, e que contan cun investimento total de 46.738,17euros, dos que 15.000 son achegados a través dunha subvención concedida pola Vicepresidencia Primeira da Xunta, a través de Turismo de Galicia.

As actuacións que vanse desenvolver nestes dous lugares polos que discorre o trazado da Vía da Prata consisten nunha "actuación de humanización na parroquia da Xesta a carón da capela deste lugar que inclúe ademais a realización de melloras da escola (actual local social) no palco-almacén e na zona de muro con varanda que se atopa entre ambas as dúas edificacións", explica a concelleira de Turismo, Begoña Blanco.

E no que toca ao lugar de Puxallos (Catasós) acométese unha adecuación de dúas zonas verdes no entorno do Camiño, unha delas situada na mesma parcela onde se empraza a capela de San Roque e un cruceiro e a outra na zona de intersección do viario de acceso ás vivendas no núcleo rural de Puxallos.

A vicepresidencia primeira da Xunta, a través de Turismo Galicia, aposta parte do investimento con 15.000 euros 

Blanco explica que na actuación da Xesta xa están executadas boa parte das melloras da antiga escola: "está finalizado o recintado do muro do centro social, resolvéronse as gretas do local social empastándoas con masilla, as portas de madeiras lacáronse e repuxéronse os canlóns de recollida de auga".

Continuarase a execución co pintado do local social e coas melloras que se realizarán no palco-almacén, que consistirán na limpeza de toda a edificación con coidado de non danar os murais existentes na zona do escenario e da fachada lateral este.

Vaise demoler a folla da ladrillo da zona do almacén, retirarase a porta corredoira existente e tamén a capa vexetal da zona que precede o acceso ao almacén para podelo pavimentar posteriormente.

Poñerase unha nova corredoira no almacén de estrutura de aceiro galvanizado e acabado en táboas de castiñeiro das mesmas dimensións que as usadas na fachadas. Tamén se axardinará a zona que se atopa entre o Camiño e as edificacións da escola, a varanda e o palco.

Comentarios