Lalín renova a súa gran paixón por Laxeiro

Coincidindo co 25 aniversario do seu falecemento, o próximo día 21, o Concello realizará unha serie de actividades para seguir recoñecendo ao seu ilustre veciño, que se alargarán incluso ata o sábado 24 con desfile de cabezudos e danza
Imagen del artista con una de sus obras. DP
photo_camera Imaxe do artista cunha das súas obras. DP

José Otero Abeledo, coñecido como Laxeiro, levou a Lalín polo mundo e anos máis tarde trouxo parte dese mundo a Galicia. Un home nacido na parroquia de Santa María de Donramiro no ano 1908, tempos difíciles para ter grandes aspiracións profesionais ou persoais, principalmente se eras orixinario do rural. A primeira metade do século XX desenvolveuse entre conflitos bélicos e fames negras.

Buenos Aires foi o seu destino, como o de tantos outros galegos e europeos que buscaban un futuro mellor ou fuxían das guerras. Arxentina era un lugar próspero e de oportunidades. ¡O que cambiaron os tempos!. Alí, José Otero desenvolveu gran parte da súa carreira artística. Regresa en 1970 para instalarse en Madrid, Lalín e Vigo, falecendo nesta última cidade o 21 de xullo de 1996.

Nesta nova etapa na súa terra de orixe, o pintor recibiu o recoñecemento e agarimo dos seus paisanos, materializados en varios premios e distincións. O nome de Laxeiro forma parte de moitos rueiros, as súas exposicións percorren toda a xeografía galega e ata os autobuses urbanos de Vigo foron engalanados coas súas obras. Foi condecorado coa Medalla Castelao e o Pedrón de Ouro.

O pintor universal tivo un idilio coa súa terra natal tras regresar de Buenos Aires, onde desenvolveu gran parte da súa carreira artística

Pero é na súa vila natal onde este ilustre galaico alcanzou a categoría de semidios. En 1968 créase a colección Laxeiro en Lalín coas 33 obras doadas polo artista ao Concello. Desde 1976 é Fillo Predilecto do municipio lalinense. Nese ano foi o pregoeiro da Feira do Cocido, ademais de ser o cartelista en 1975, 1993 e 2018 (xa falecido e con motivo do 50 aniversario da feira). En 1986 recibía a Folla de Carballo.

Un ano máis tarde, o pintor tiña unha rúa co seu nome en Lalín. E en 1989 sucedía o mesmo cun dos institutos da localidade. Iniciada a década dos noventa organizouse a Bienal Internacional Pintor Laxeiro. As homenaxes seguiron tras a súa morte, con especial relevancia ao que se realizou en 2008 con motivo do centenario do seu nacemento.

No século XXI a súa figura segue ocupando un lugar destacado na cultura de Galicia. A Real Academia Galega de Belas Artes fixo pública hai uns días a súa decisión de dedicar ao pintor o Día dás Artes Galegas 2022.

Pero antes volve ser Lalín quen reitere a súa gran paixón por este artista universal. Aproveitando que se cumpren 25 anos do seu falecemento o próximo 21 de xullo, o municipio da comarca prepara importantes celebracións. O Museo Municipal acollerá unha exposición composta por unha selección das obras que o pintor doou ao Concello. Ao mesmo tempo presentaranse os Cabezudos de Laxeiro, creados pola artista local Luchi Igrexas, unhas figuras inspiradas no cadro A familia da Romea. Todo iso amenizado polo gaiteiro Plácido Rozas.

Serán varias as intervencións de coñecedores da traxectoria do artista universal como Antón Castro, historiador e crítico de arte, Luís González Tosar, poeta e filólogo, así como o tamén pintor Antón Lamazares, se pode asistir. Non faltará a ofrenda floral no seu panteón do cemiterio da Romea. Ademais, o sábado día 24 completarase a merecida homenaxe de aniversario co desfile dos Cabezudos e o grupo A Carballeira de Cercio.

Comentarios