Lalín repartirá 650 euros en premios no seu primeiro Concurso Virtual de Entroido

Os gañadores recibirán vales de compra ► O domingo haberá un Contacontos retransmitido en YouTube
O entroido lalinense é unha das celebracións máis populares entre a veciñanza. PATRICIA FIGUEIRAS
photo_camera O entroido lalinense é unha das celebracións máis populares entre a veciñanza. PATRICIA FIGUEIRAS

A Concellería de Cultura levará adiante unha programación virtual de Entroido, en vista da situación sanitaria e das medidas restritivas vixentes, adaptando o xa tradicional Concurso de Disfraces a unha versión virtual do mesmo, de modo que se manteña o espírito de Carnaval en seguridade desde as nosas casas. Deste xeito, o Concello promove o 1º Concurso Virtual de Entroido aberto á participación de calquera persoa e un Contacontos Entroideiro que se retransmitirá o domingo de Carnaval a través da canle de YouTube do Concello de Lalín.

Poderán participar todas as persoas interesadas, ben a título individual, ben en grupos de conviventes (considerarase grupo a partir de 2 persoas). Os/as menores de idade deberán contar coa autorización do pai, nai ou titor/a legal. A temática dos disfraces será libre. O xurado valorará principalmente a orixinalidade e a elaboración propia dos disfraces.

As inscricións ao concurso realizaranse a través dun formulario en liña que está dispoñible na páxina de Facebook do Concello de Lalín. O prazo para enviar o formulario de inscrición rematará o martes 16 de febreiro ás 15:00 horas. Cada participante so poderá participar nunha única categoría. Unha vez recibidas as fotos dos disfraces a concurso, estas subiranse á páxina Facebook do Concello de Lalín, e poderán ser votadas polo público marcando un like no disfraz escollido.

O prazo para poder votar os disfraces a concurso rematará o xoves 18 de febreiro ás 23:55 horas. As persoas gañadoras recibirán vales para consumir no comercio local de Lalín nun prazo non superior a 3 meses. O montante total dos premios ascende a 650 euros.

Comentarios