Lalín rexenera e limpa seis grandes vertedoiros do termo municipal

En total retiráronse máis de 1.290 metros cúbicos de material de construción e case unha tonelada de pneumáticos
César Reboredo nun dos puntos onde se recuperou un espazo que albergaba un vertedoiro. CEDIDA
photo_camera César Reboredo nun dos puntos onde se recuperou un espazo que albergaba un vertedoiro. CEDIDA

Finalizaron os traballos de rexeneración e retirada de lixo de cinco importantes vertedoiros no termo municipal de Lalín, que supuxo a recollida e posterior procesado de máis de 1.290 metros cúbicos de residuos mesturados procedentes de demolición e construción. En concreto, con este plan financiado pola Xunta de Galicia e solicitado polo Concello de Lalín erradicáronse vertedoiros nos lugares de Cardexía e Outeiro en Filgueira, en Méixome, Carrofeito en Lebozán, en dous puntos na estrada cara á Cruz da Grade, e en Medelo en A Xesta que foron retirados.

O concelleiro de Medio Ambiente, César Reboredo, indica que para a limpeza de seis puntos de vertidos moi importantes foi necesaria a mobilización de maquinaria pesada e camións de carga para retirar o material de lixo acopiado nestes puntos. O equipo encargado da retirada de lixo nestes seis enclaves, procedeu á sacar 1.290 metros cúbicos de material de construción, 6 metros cúbicos de amianto, case unha tonelada de pneumáticos de turismos, furgóns e camións pequenos e ademais procedeuse ao desarbustado e retirada de restos de poda por un peso de máis de 20 toneladas.

Con estes traballos deixáronse as zonas recuperadas, restauradas e con carteis anunciadores alertando da retirada do vertedoiro e da prohibición de utilizar esos espazos para o depósito de calquera tipo de lixo. Reboredo pide aos veciños sensibilidade co entorno natural e que se deixen de utilizar os espazos que se están a rehabilitar e outros para verquer lixo, cando hai procedementos suficientes para desfacerse do mesmo de xeito legal, controlado e que permita o seu adecuado tratamento.

O goberno municipal de lalín asegura que seguirá traballando na retirada de lixo tanto de vertedoiros incontrolados de maior ou menor tamaño como na limpeza dos entornos naturais.

Comentarios