Máis preto o convenio para desenvolver os saneamentos de Paradela e Reguengo

O alcalde de Caldas de Reis e a directora de Augas de Galicia analizaron os últimos detalles para realizar os proxectos definitivos
Unha vista do lugar de Reguengo, na parroquia de Santa María de Godos. DP
photo_camera Unha vista do lugar de Reguengo, na parroquia de Santa María de Godos. DP

O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, reuniuse o mércores coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para analizar os últimos detalles do convenio de colaboración para desenvolver as obras das redes de saneamento de Paradela (Bemil) e Reguengo (Godos), segundo os proxectos técnicos redactados polo Concello de Caldas, no cadro do Plan Municipal de Saneamentos.

De acordo cos requirimentos de Augas de Galicia, os proxectos definitivos non incluirán as conexións ás vivendas, que deberán ser a cargo dos propietarios, e tamén quedarán fora algunhas vivendas polas diferencias de cotas.

En Paradela, na parroquia de Bemil, o Concello xa investiu 288.000 euros, con fondos do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, nunha primeira fase xa finalizada que inclúe a nova depuradora e parte da rede de sumidoiros. A segunda e a terceira fase teñen un orzamento total de 370.000 euros. No caso de Reguengo, na parroquia de Godos, o investimento será de 187.000 euros segundo o proxecto técnico inicial.

O alcalde subliña que «a demora na realización destas obras débese ás dificultades para facer coincidir os criterios técnicos das dúas administracións e na propia tramitación do convenio e das contratacións posteriores a cargo de Augas de Galicia, pero o noso obxectivo é axilizar ao máximo a súa execución e posta en funcionamento».

No convenio definitivo manterase a cofinanciación do Concello por valor do 40% do investimento e de Augas de Galicia que asumirá o 60% do orzamento definitivo. De feito, o Concello xa aprobou no último Pleno, con cargo ao remanente do ano pasado, as aportacións a este convenio por importe de 148.000 euros para o lugar de Paradela, e de 78.000 euros para Reguengo.

Na reunión, o alcalde entregou tamén a proposta de actuación elaborada polo Laboratorio de Hidrobioloxía da Universidade de Santiago de Compostela para o Concello, para o control e redución das plantas acuáticas invasoras no río Umia, concretamente da Egeria densa e da Azolla filicuoloides, que será obxecto dunha próxima reunión coa directora de Augas de Galicia.

Comentarios