María e Hipólito, dous votos centenarios en Valga

Termómetros disparados nun domingo de xullo e unhas atípicas eleccións con máscaras, xeles e bandexas para o DNI ante unha pandemia que aínda non cesou. Nada diso impediu acudir ás urnas aos centenarios de Galicia. 

María Bouzas, de 104 anos, votando este domingo en Valga. CONCELLO

Votaron, entre outros lugares, en Sober, en Melide e en Valga, onde todos esperaban a María Bouzas, que aos seus 104 anos é unha asidua dos encontros de maiores que se celebran no municipio e, por suposto, unha das incondicionais cando toca cumprir cun dos dereitos fundamentais: o do sufraxio. Ao mediodía estaba xa lista para votar en Igrexa (Setecoros).

Como ela, Hipólito Cerqueiras, que acaba de estrear o século de idade, achegouse ao colexio electoral que lle correspondía, cunha pequena axuda e un ánimo a proba de bomba. Como explica o Concello, o presidente da súa mesa achegou a urna ao vehículo no que chegou ao seu lugar de votación.

Hipólito, votando en Valga. CONCELLO

Ambos tiveron un acceso prioritario, o que se brinda a quen pasa dos 65 anos, algo que cumpren de longo; así como ás persoas con algunha discapacidade e aos acompañantes que precisen. 

Comentarios