Os mellores porcos celtas volverán a escollerse na Semana Verde

Decidirase tamén quenes son os gandeiros máis hábiles no manexo destes animais, durante un certame que terá lugar o 5 de xuño
Exposición de porco celta na Semana Verde de Silleda. DP
photo_camera Exposición de porco celta na Semana Verde de Silleda. DP

A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que se celebrará do 2 ao 5 de xuño no recinto ferial silledense, é de novo o evento escollido pola Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) para celebrar dous dos seus concursos máis relevantes.

Tras o gran éxito das dúas primeiras edicións, o domingo 5 de xuño levarase a cabo o III Concurso Nacional de Manexo da Raza Porco Celta, consistente en dirixir un exemplar de porco celta por un determinado percorrido no menor tempo posible, podendo tocalo pero sen golpealo, e pasando por distintos espazos, como unha zona que simula unha manga ou entre dous valos facendo zig zag. Shakira, Pantalóns e Asia, que xa participaron nalgunha ocasión, e Breogán, Makelele e Kinin, que debutan no concurso, son ata o de agora os rexistrados, procedentes de Vila de Cruces, Friol, Castro de Rei, Mondoñedo e Oza-Cesures.

Así mesmo, o porco celta protagonizará o cuarto Concurso Morfolóxico, no que participarán exemplares de máis de 30 ganderías das catro provincias galegas, o que supón o maior número presente nesta competición. Incluirá as categorías de machos, femias e animais de recría.

Esta raza autóctona galega en perigo de extinción contará tamén cunha ampla exposición de animais na que ademais dos participantes no morfolóxico, se mostrarán exemplares do rabaño do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

Así mesmo, o porco celta tamén participará no salón alimentario Salimat Abanca. Asoporcel contará cun espazo informativo e un photocall, mentres que catro operadores autorizados no uso do logotipo 100% raza autóctona celta terán o seu propio stand para presentación, degustación e venda de produtos.

Comentarios