As moedas de Roma que viaxaron desde Caldas de Reis ata Irlanda e Inglaterra

Edward S. Dogson foi o encargado de facer chegar as moedas á Universidade de Dublín e ao Museo Británico, que lle entregou o poeta vilagarcián Farruco Porto Rei
Edward S. Dogson. GALICIANA
photo_camera Edward S. Dogson. GALICIANA

Caldas de Reis e a súa comarca é un dos lugares de Galicia no que frecuentemente apareceron restos arqueolóxicos, principalmente da época romana. Entre eles pódense citar lápidas, miliarios, urnas cinerarias, muíños de man, fragmentos de olería e moedas de diferentes clases e emperadores.

No mes de febreiro do ano 1911, os xornais A Gaceta de Galicia, o Rexional, Galicia Nova e A Rexión fixéronse eco dunha carta remitida, desde Santiago de Compostela, polo investigador Edward S. Dogson, fundamentalmente coñecido por ser un dos homes máis versados do seu tempo en strong <>bibliografía vasca, aínda que, polo visto, neste caso tamén dedicaba o seu tempo a cuestións doutros lugares.

Na misiva, o intelectual inglés informaba que o poeta de Vilagarcía Farruco Porto Rei regaláralle unhas moedas romanas descubertas en Caldas de Reis, que el, á súa vez, distribuíraas entre a Universidade de Dublín, á que consideraba capital da Galicia de Inglaterra (Irlanda non era aínda independente), e o Museo Británico.

É probable que as moedas doadas polo escritor vilagarcián tivesen orixe no achado rexistrado no 1906 dun centenar delas, do que deron noticia diversos xornais galegos.

Edward S. Dogson. GALICIANA
Edward S. Dogson. GALICIANA

"Na ladeira oeste que dá sobre a aldea do Pazo de Tibo, inmediata á Casa Reitoral da vila de Caldas de Reyes, uns canteiros que se achaban picando pedra romperon unha vasija de barro que se achaba alí oculta, esparciéndose polo chan como un centenar de moedas. Acudiron moitas persoas ao lugar da ocorrencia. Un calderero ambulante adquiriu 16 moedas das achadas. As moedas, de fermosos gravados correspondían a diferentes emperadores romanos e, entre elas, había algunhas perfectamente conservadas".

Antes da remisión material das moedas, Edward S. Dogson enviou ao responsable do departamento de moedas do Museo Británico, H. A. Grueber, o deseño dunha delas, un denario do emperador romano Nigriniano, que debeu vivir aproximadamente cara ao ano 270.

Contestóuselle desde o Museo Británico que a lenda do anverso da moeda debe dicir Divo Nigriniano, e que todas as moedas dese emperador coñecidas, crese que foron postas en circulación logo da súa morte, sendo posuidor o Museo Británico de dous exemplares da moeda debuxada con letras púnicas debaixo da aguia, con significado do lugar en que foron acuñadas "Carthago", polo que España é un distrito probable para descubrimento.

Engádese na resposta que se o exemplar atopado ten outras letras diferentes debaixo da aguia, o Museo Británico alegraríase de aceptar a súa oferta como agasallo. Firma: H.A. Grueber, Keeper of Coins. Finalmente, o día 9 de febreiro de 1911, H. A. Grueber agradece o envío das moedas de Nigriniano e outras, efectuado polo señor Dogson, facendo a observación de que a de Nigriniano remitida diferénciase algo dos exemplares existentes no Museo, polo que a adición á colección é moi de agradecer. Manifesta, ademais, o señor Grueber que dará conta da doazón aos directores, os cales acusarán debidamente o recibo.

Comentarios