Moito que ver no "Km 0" de Galicia

Lalín conta cunha multitude de espazos verdes, máis de 20 rutas de sendeirismo e varios monumentos dignos de ser visitados
Edificio del Concello de Lalín DP
photo_camera Edificio del Concello de Lalín DP

Destaca especialmente o gran número de esculturas esparexidas pola vila lalinense

 É un concello de máis de 20.000 habitantes coñecido por ser o "Km 0" de Galicia pero, entre outros motivos, tamén pola súa Festa do Cocido. Acolle ademáis un gran patrimonio verde e unha extensa oferta cultural e de ocio.

Lalín merece ser visitado a pé grazas ós 23 roteiros dispoñibles que buscan promover o patrimonio natural, arqueolóxico ou etnográfico da súa terra. Estes percorridos, que non superan os 20 kilómetros de extensión, presentan dificultades variables. A páxina web roteiros.lalin.gal ten á disposición dos seus visitantes multitude de información, sendo posible a descarga de varios libros de ruta. Unhas das máis interesantes é a Escultórica-Municipal, que percorre a gran variedade de figuras que se sitúan na vila: unhas discretas e outras moito máis chamativas, como a coñecida Escultura do Porco -clara referencia á gastronomía da zona-, ou o monumento a Joaquín Loriga.

Sin nombre

Lalín tamén posúe unha serie de recunchos naturais moi destacados. Un bo exemplo é a área recreativa de Mouriscade, un lugar tranquilo que dispón de mesas e parrillas coas que pode gozar dunha comida tranquila. Dende aquí parten dous roteiro: Un deles é o circular de Doade -de 9 km de extensión- e que se cruza no seu camiño co Museo Etnográfico ‘Casa do Patrón’, dende o que se organizan diversas actividades a nivel individual ou familiar. Conta tamén cun restaurante e unha sala de exposicións con máis de 2.000 m² e 4.500 pezas de gran valor histórico, recollidas por toda a xeografía galega.

Outro espazo salientable dentro de Lalín é o Pazo de Liñares, de estilo barroco e datado do siglo XVII, que foi residencia dunha das familias máis importantes de Galicia: os Taboada. Por aquí pasaron no século XIX ilustres como Ramón Cabanillas ou Emilia Pardo Bazán. Adquirido hai case dúas décadas polo Concello de Lalín, foi declarado Ben de Interese Cultural no 2009. Serve como apéndice do Museo de Pontevedra, xa que rescata pezas de gran valor histórico que son atopadas na comarca do Deza-Tabeirós. Acolle ademais o Museo Galego da Marioneta, cunha exposición de monicreques chegados de todo o mundo.

As celebracións de Lalín cun maior recoñecemento son a Festa do Cocido, antes do entroido, e a Romería do Corpiño, a finais de xuño

Outro museo moi recomendable é o Ramón María Aller Ulloa. Este astrónomo e matemático, nado en Lalín en 1878, foi o promotor do primeiro observatorio astronómico da comunidade galega, sendo instalado neste mesmo edificio. Foi restaurado no 2011 e actualmente segue ofrecendo visionados nocturnos. Este espazo tamén está adicado a Joaquín Loriga, pioneiro da aviación española, e a José Otero Abeledo, coñecido como Laxeiro e unha das figuras máis relevantes da pintura galega do século pasado, que conta cunha exposición permanente neste espazo.

Finalmente, e para coñecer o vínculo de Lalín co presente e co futuro, é recomendable a visita ó Castro Tecnolóxico, un edificio de vangarda que recibe o seu nome da similitude das súas formas cos antigos poboados castrexos. Este inmoble, situado na Praza do Concello de Lalín, alberga distintas dependencias municipais. Foi deseñado polos arquitectos Emilio Tuñón e Luis Moreno Mansilla, gañadores do Premio de Arquitectura Contemporánea da Unión Europea no ano 2007.

Comentarios