Moraña celebrará as súas festas en honra a Santa Xusta

A programación irá enfocada a actividades culturais que terán lugar os días 17, 18 e 19 de xullo
2020070812135464384
photo_camera Foto de arquivo da procesión da Romaría de Santa Xusta de Moraña. DP

O concello de Moraña celebrará as súas festas patronais en honra a Santa Xusta, aínda que o fará adaptándose ás novas circunstancias provocadas pola pandemia do coronavirus. A organización, con José Luís Gómez Fontenla á cabeza, decidiu que a Romaría se celebrará, como de costume, os días 17, 18 e 19 de xullo.

Así, nun comunicado, os promotores desta celebración explican que debido á situación actual, evitarase o modelo tradicional de verbena e os actos irán enfocados a actividades culturais.

"Sabemos e somos coñecedores da situación na que nos atopamos debido a pandemia da covid-19 que segue latente, pero debemos afrontar as circunstancias que vivimos e tomar as medidas protocolarias necesarias para poder levar acabo a celebración de tan resoada e de gran repercusión mediática dentro da nosa provincia de Pontevedra como é a Romaría de Santa Xusta de Moraña", subliñan, e engaden que "por iso non poderiamos pasar por alto unhas datas tan conmemorativas e de gran transcendencia para o Concello de Moraña ao tratarse da patroa de Moraña cuxa festividade e día grande se celebrará o día 19 de devandito mes".

De momento, a organización avanza que se prevé realizar un acto en memoria a todas aquelas persoas que faleceron a consecuencia do coronavirus. Ademais, traslada a esas "familias as nosas máis sinceras condolencias e apoio nestes momentos tan difíciles".

Doutra banda, os promotores das festas patronais de Moraña indican que "quixésemos apoiar a todas aquelas comisións e organizadores de festas que coma nós estarían encantados e orgullosos de poder realizar as súas festas tradicionais pero que a consecuencia disto non puideron realizalas" e, ao mesmo tempo, animan a todas as comisións de festas a levar a cabo os seus eventos coas medidas de seguridade pertinentes.

Para rematar, agradecen a todos os veciños e veciñas da vila, así como ás empresas, "que ano tras ano nos apoian e nos ofrecen o seu compromiso para poder seguir adiante coas festas patronais", así como á Xunta, á Deputación e ao Concello.

Comentarios