Morre un traballador tras sufrir unha caída en Forcarei

Faleceu no acto

Un home perdeu a vida este luns tras sufrir un accidente laboral na vivenda de Forcarei na que estaba a traballar. Segundo informou o 112 Galicia, o sinistro produciuse ás 17.45 horas na parroquia de Aciveiro. O operario sufriu unha caída en altura e faleceu no acto.

Os sanitarios non puideron facer nada para salvalo e o helicóptero medicalizado con base en Santiago, que fora mobilizado para unha rápida evacuación, xa non chegou a intervir. Ao lugar do accidente laboral, no lugar do Forno, trasladáronse tamén efectivos da Garda Civil que se encargarán a partir de agora de investigar as causas do suceso.