O núcleo central de Cordeiro contará cun acceso peonil

A senda conectará co lugar onde se atopan as instalacións educativas e deportivas o xacemento Igrexa Vella
El alcalde, durante la supervisión del trayecto donde se realizará la obra. CEDIDA
photo_camera El alcalde, durante la supervisión del trayecto donde se realizará la obra. CEDIDA

O delegado territorial da Xunta, Luis López, realizou este mércores unha visita a Valga con motivo do inicio das obras de construción dunha senda peonil que conectará a estrada PO-548 coa zona onde se atopan o colexio, o pavillón deportivo, o xacemento Igrexa Vella e a igrexa parroquial de Cordeiro.

O representante autonómico estivo acompañado polo alcalde, José María Belo Maneiro, e varios concelleiros. Os técnicos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e da empresa que realizará as obras explicaron os pormenores dos traballos que levarán a cabo, nos que serán investidos 736.989 euros.

A senda dará continuidade á beirarrúa da marxe esquerda da PO-548, que finaliza no punto quilométrico 2,9, e a partir deste lugar carece de espazos reservados para a circulación peonil.

Discorrerá entre os quilómetros 2,9 e 3,2 da estrada autonómica e continuará por un viario municipal ata desembocar na PO-548, á altura da intersección situada no punto 3,9.

Desde aquí, avanzará de novo por estradas de titularidade municipal ata a zona onde se atopan as instalacións escolares e deportivas.

Finalmente, tras pasar sobre a estrada autonómica, mediante a instalación dunha nova estrutura, chegará á contorna da igrexa de Santa Comba.

Será necesaria unha serie de actuacións complementarias, como a ampliación do paso sobre o río Louro, a instalación dunha nova pasarela elevada sobre a PO-548 e a reordenación do tráfico na intersección existente no punto quilométrico 3,9 para mellorar a seguridade viaria e evitar que os condutores realicen manobras indebidas. Tamén se creará unha glorieta na vía municipal pola que discorrerá a senda.

Comentarios