Lalín viviu este domingo o día grande da LII edición da Feira do Cocido, a primeira que se celebra desde a súa declaración como Festa de Interese Turístico Internacional, sendo o primeiro evento gastronómico en recibir esta distinción en España.
“A Feira do Cocido de Lalín é a feira gastronómica máis importante do mundo”, asegurou durante o seu pregón a xornalista Sonsoles Ónega, quen engadiu que "o porco de Lalín é un país enteiro, o mellor país enteiro, o país coa mellor receita contra a desigualdade".
Neste sentido, Ónega incidiu en que o cocido é "de ricos e de pobres, o que agora se chama transversal", ironizou con que "non hai mellor pacto" que o dos seus ingredientes e con que "non ten oposición, é un cocido de unanimidade", tras o que chanceou dicindo que "habería que enviar un cocido ao Congreso antes de cada sesión de control".
"Outro cocido enviaríallo a Zarzuela antes de que o rei presida o Consello de Ministros, no que quen sabe se vai necesitar temperar gaitas, e un terceiro cocido na illa de Supervivientes", concluíu Ónega, cuxa reivindicación dun prezo xusto para os agricultores e gandeiros recibiu unha ovación dos asistentes ao pregón.
Ademais da estrea do seu título de Festa de Interese Turístico Internacional, esta edición tamén trouxo consigo a recuperación do Capítulo Xeral da Encomenda do Cocido, no que foron nomeados sete comendadores, entre os que destacan a propia pregoeira; o alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida; Benedicta Sánchez, Goya á mellor actriz revelación, e o líder de Los Suaves, José Manuel Domínguez Yosi.
No acto, encabezado pola o presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo, os comendadores comprometéronse -xurando ou prometendo- a defender e difundir o bo nome do cocido de Lalín alá onde vaian, así como a degustar este prato polo menos unha vez ao ano e, se é posible, en compañía doutros comendadores.
En lugar de comprometerse a comer cocido unha vez ao ano, a actriz Benedicta Sánchez, vexetariana desde os 17 anos, comprometeuse a axudar “a potenciar os magníficos produtos agrícolas da nosa terra", tras o que concluíu cun emocionado “amo Galicia, non podería ser doutra forma”.
"Para min, por encima do cocido madrileño está o galego e, o que queira comer un bo cocido que veña a Lalín; esa é a miña realidade", expresou Sánchez antes de ser nomeada comendadora.
Non comparte a súa opinión o alcalde de Madrid, Martínez-Almeida, quen entende que "o cocido madrileño de Lalín e o madrileño son perfectamente compatibles", polo que negou calquera posible "conflito de intereses" e propuxo deixar "o cocido madrileño para os días pares e o de Lalín para os días impares".
"Fíxenme alcalde de Madrid porque era o camiño máis rápido para ser comendador deste cocido", concluíu "medio de broma medio en serio" o rexedor madrileño.
Pola súa banda, o líder de Los Suaves destacou o "orgullo" que supón ser comendador dun cocido "que degustaron na Última Cea", aínda que expresou a súa desconformidade coa obrigación para comer cocido unha vez ao ano, tendo en conta que “parece pouco”.
A nómina de comendadores pechárona o historiador e cronista Daniel González Alén; o catedrático en Nutrición Gregorio Varela, e a xornalista e comunicadora lalinense Amelia Ferreiroa.
Unha vez finalizado o acto de nomeamento dos comendadores e o pregón, a feira continuou co tradicional desfile de carrozas, que tivo como novidade a incorporación de representantes de cinco entroidos tradicionais de Galicia.
Deste xeito, o Fulión de Mormelentos de Vilariño de Conso, os Felos de Maceda, os Villaróns de Riós, o Entroido de Samede de Paderne e o Entroido de Cores de Vilanova, percorreron as rúas da localidade antes de dar paso ao momento estrela do día, coa hora da comida e a consecuente degustación do cocido.