As obras do CIS de Lalín superan as previsións iniciais de progresión

Comezaron os traballos na estrutura dos espazos da planta 0 na que se situarán as áreas de recollida de mostras e Fisioterapia
undefined
photo_camera Imaxe do progreso dos traballos do novo Centro Integral de Saúde de Lalín. CEDIDA

As obras de construción do CIS de Lalín que está a executar a empresa Ramírez para o Sergas continúan a moi bo ritmo e mesmo superando as previsión iniciais de progresión dos traballos. Co executado nas últimas semanas, o amplo edificio sanitario xa ten construídos tanto os cimentos como a estrutura da planta soto da totalidade do edificio e ao longo desta semana comezaron a colocarse os forxados das paredes que constituirán a primeira planta da ala norte do edificio que, con forma de E apuntada cara a N-525, conta cunha superficie de 5.700 metros cadrados repartidos en 4 plantas.

Os traballos executados ata o día de hoxe deixan a construción da estrutura baixo a rasante do terreo no que se asenta o centro no Alto de Vales xa rematada. Tamén se iniciaron a construción de paredes e muros que conformarán o edificio por enriba do nivel do solo, que conformarían a planta 0 da ala norte do edificio da que se está a construír a estrutura e xa se colocaron algunhas das columnas de soporte e varias paredes rematadas.

No nivel inferior sitúase o PAC con acceso desde o patio inferior para público e un aparcamento para ambulancias con soportal cuberto pola traseira do edificio. Neste nivel atópanse tamén os despachos da área integral de saúde pública, vestiarios e sala de estar, así como as áreas de hospitalización a domicilio e transporte sanitario con soporte vital básico.

Na planta baixa, en vinculación directa co vestíbulo disponse o programa de toma de mostras. Fisioterapia sitúase próxima á entrada. No brazo central estará o programa de pediatría, cos aseos dispostos de tal maneira que ille esta área do resto do programa. Odontoloxía e a Área de atención á muller sitúanse no corpo de unión aos brazos desta planta cero.

O terceiro brazo estará ocupado por hemodiálise. As plantas superiores albergarán as consultas de medicina e enfermaría así como consultas especiais, aulas, o programa de tele medicina e algunha zona de persoal.

Comentarios