As obras da igrexa de Palio sacan á luz pinturas dos séculos XV e XVI

A Xunta investiu 45.000 euros na restauración do templo e este xoves organizou unha xornada de portas abertas para mostrar o resultado
2020091115082944638
photo_camera María del Carmen Martínez e José Crespo, na igrexa de Palio. DP

As obras de restauración da igrexa de Santa Baia de Palio sacaron á luz pinturas do século XVI no presbiterio e no arco e de finais do século XV na nave que permanecían ocultas.

Este xoves foron varias as persoas que se achegaron a contemplar o resultado das actuacións postas en marcha no presbiterio, o arco triunfal e na nave principal que permitiron reparar algunhas deficiencias arquitectónicas, nunha xornada de portas abertas na que a Xunta pretendía mostrar á cidadanía o éxito da iniciativa, financiada polo Goberno galego a través dos fondos Feder por un importe de 45.000 euros. A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez, e o alcalde de Lalín, José Crespo, participaron na xornada e mostráronse satisfeitos co resultado.

As obras comezasen xa no mes de xaneiro e consistiron na retirada de cal, así como na limpeza de fragmentos de pintura atopados e na reintegración cromática, entre outras actuacións.

A estes traballos sumarase unha segunda fase na que se actuará nos paramentos e a tribuna

A estes traballos sumaranse en breve os que se acaban de adxudicar, cun importe de licitación de 51.000 euros, para desenvolver unha segunda fase de restauración. Neste caso, actuarase nos paramentos e na tribuna. En concreto, acometerase o acabado das fachadas e procederase á recolocación e restauración da tribuna de madeira, que foi desmontada para poder executar a primeira fase. Tamén se intervirá na iluminación interior do edificio.

200.000 EUROS. Con todas estas actuacións, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade leva investido de xeito global nos últimos meses máis de 200.000 euros para a súa restauración, incluíndo preto de 130.000 para descubrir as pinturas murais no muro este de o prebisterio e os 45.000 euros postos en marcha na primeira fase da restauración do arco triunfal e na nave principal.

A igrexa de Santa Baia de Palio é un exemplo de arquitectura única na comarca de Deza debido á súa temperá datación xa presente na advocación do século XI.

Comentarios