Orixe Festival e A Revolta do Umia, dúas citas musicais para pechar o verán

Ambos se celebran este sábado e están separados entre si por unha escasa distancia
2019083112582739190
photo_camera En Cuntis tamén haberá unha comida campestre. CEDIDA

Aqueles que queiran despedir o verán con música dispoñen dunha dobre oportunidade durante o fin de semana e en escenario separados entre si por unha escasa distancia.

En Caldas de Reis, este sábado, chega á súa última xornada o Orixe Festival que, como é habitual, culminará cun concerto no Malecón do río Umia esta noite.

Aphonnic é a cabeza de cartel dun programa do que tamén serán protagonistas os compoñentes dos grupos Jhonander, Anecoid, Soülder e Thomas Dylan & Balea.

A asociación Zona Afectada encárgase de organizar este evento, que ademais de dinamizar a localidade e enriquecer a variada oferta musical caldense, tamén promove a acción solidaria para axudar a quen necesitan o máis básico, que é comer. Para iso, solicitan como entrada simbólica un quilo de alimentos non perecedoiros. Se as cousas van como esperan poderían recadar unha tonelada.

A beiras do río está todo preparado en Cuntis para a Revolta do Umia, que se celebra este sábado. O grupo local Hai que Roelo será o encargado da alborada e, ás 13.00 horas, o actor Antonio Durán, Morris, lerá o pregón da festa. Logo da comida campestre será a quenda das regueifeiras Alba María e Lupe Blanco, e durante a tarde haberá actividades destinadas aos nenos. O festival comezará ás 18.30, e son seis os grupos: Wach Mckánijan e Os Outsiders, Os Residuos Atractivos, The Lelli Kelly's, Os Jhon Deeres, Plan Siberia e Oh Ayatollah. A Asociación Cultural Río Gallo organiza esta actividade.

Comentarios