Tres persoas feridas tras unha colisión múltiple en Valga

Unha das vítimas tivo que ser excarcerada

Unha colisión múltiple, con tres vehículos implicados, deixou este venres tres persoas feridas ao paso por Setecoros, en Valga.

Os membros do GES da localidade, que acudiron ao lugar nada máis ser alertados polo 112 Galicia, indicaron que un dos feridos tivo que ser excarcerado, ao quedar atrapado no interior dun dos turismos.

Ao fío das 17:30 horas, unha persoa particular informaba ao 112 Galicia do accidente. Aseguraba, ademais, que había unha persoa atrapada.

Así, con estes datos, o 112 puxo enseguida en alerta ao 061-Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros do Salnés, así como tamén informou ao GES de Valga, á Garda Civil de Tráfico e á Policía Local.

Os tres feridos foron trasladados polo persoal sanitario ao centro hospitalario de referencia.