Os placeiros de Lalín urxen a reforma do inmoble e sitúanse "á marxe" da rifa política

"Queremos que se nos sitúe á marxe da contenda política e partidista". Así se expresou a Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos de Lalín nun comunicado emitido o luns no que reitera que a reforma do mercado é unha actuación "imprescindible e prioritaria" logo de anos "de abandono e reivindicacións non atendidas".

Os reproches entre Goberno local e oposición, tras levar o primeiro a Pleno a aprobación dos fondos para acometer as obras e rexeitala o segundo, sucedéronse nas últimas semanas. O pasado sábado, o PP dicía chegar a un acordo cos placeiros para a reforma integral da praza (non só da súa parte alta), pero a resposta destes non se fixo esperar: "Sentímonos enganados polo PP" , din, pois o documento acordado "non recolle o espírito das conversas previas á súa elaboración" e, xa que logo, os populares "abusaron da nosa boa fe". Pola contra, os tenderos agradecen o traballo desenvolvido polo edil de Comercio, José Manuel Fernández.

Comentarios