Plantón da oposición ao Goberno de Lalín no Pleno dos Orzamentos

CxL, PSOE e BNG criticaron o escaso tempo que tiveron para analizar este documento e a "imposición" da sesión
Rafael Cuiña nun pleno. DP
photo_camera Rafael Cuíña anunciou que a oposición abandonaría o pleno. DP

"Ata aquí chegamos". Con esta frase o líder da oposición da LalínRafael Cuiña, anunciou este xoves que os edís de Compromiso por Lalín (CxL), PSOE e BNG abandonarían o Pleno extraordinario no que se debatían os Orzamentos para o ano 2023. As razóns foron principalmente a "falta de transparencia" do Goberno local, o "escaso" tempo que a oposición tivo para analizar as contas presentadas polo equipo de José Crespo e a "imposición" da data e a hora da sesión plenaria, que nun principio estaba prevista celebrarse esta mañá.

O alcalde, José Crespo, comezou o Pleno explicando que a sesión se anticipou "unhas horas" porque a interventora, quen o mandatario dixo que tiña un papel moi importante na elaboración dos Orzamentos, tiña un compromiso ineludible para esta mañá, polo que non podería asistir. Pola súa banda, o secretario non puido asistir á sesión plenaria do xoves, e foi substituído por unha secretaria accidental.

O rexedor asegurou que esa era a única razón do cambio e negou que o motivo fose que algún edil do Goberno non puidese asistir este venres, polo que o PP non tería a maioría necesaria para aprobar as contas.

O portavoz do BNG, Francisco Vilariño, acusou o Goberno local de convocar "un Pleno alegal" e cunha "falta de ética absoluta". Tachou ao equipo de José Crespo de prepotente e de facer gala do "falta de transparencia" durante a comisión informativa de Facenda na que se tratou o documento dos Orzamentos, a que o nacionalista abandonou "pola vosa chulería". Vilariño fixo fincapé no motivo do cambio do Pleno, que achacou á falta dalgún dos edís do Goberno, e denunciou que a oposición recibiu a documentación "con menos dunha semana de antelación". Cando o nacionalista quixo abordar máis profundamente as partidas dos Orzamentos, o rexedor retiroulle a palabra.

A socialista Alba Forno defendeu que o deste xoves foi "ou enésimo exercicio de desconsideración coa oposición", e acusou o Goberno local de tratar "de bloquear ou noso traballo" adiantando e "impoñendo" o Pleno sen pactar coa oposición, "unha falta de transparencia absoluta", dixo. Forno afirmou que "non nos deixaron tempo para analizar en profundidade" os Orzamentos, o que é "unha falta de respecto para as veciñas e veciños". "O Pleno poderíase facer para a semana que ven", apuntou.

Por outra banda, a socialista fixo fincapé en que o Orzamento aprobado onte en solitario polo grupo de Goberno "non se axusta ao principio de estabilidade orzamentaria".

O líder de Compromiso por Lalín, Rafael Cuiña, sostivo que o seu partido "apostou polo diálogo desde ou primeiro minuto". Recordou que pactou co Goberno local o "Lalín por vir" e a Axenda Urbana, e que se ofreceu a colaborar co Concello durante a pandemia do coronavirus. Logo de recordar que os grupos da oposición suman 500 sufraxios máis que o PP, asegurou ter dúbidas sobre a legalidade do Pleno celebrado este xoves e sentenciou que "Compromiso non vai ser cómplice co seu silencio". "Ata aquí chegamos, a oposción levantámonos e saímos do Pleno", dixo.

Tras a saída de todos os edís de CxL, PSOE e BNG, a concelleira de Facenda, Paz Pérez, debullou o documento e deixou paso á intervención de José Crespo, que acusou á oposición de mentir e de aproveitar o cambio do Pleno, insistiu, pola ausencia da interventora, para criticar ao Goberno, unha actitude que o mandatario achacou a que "á oposición dóelles que nós sexamos capaces de facer xestión con maiúsculas", presentando os Orzamentos en tempo e forma. Ademais, asegurou que Paz Pérez ofreceu a todos os grupos entregar a documentación dous días antes do esixido legalmente e que o rexeitaron.

Os Orzamentos foron aprobados cos votos do Goberno.

Comentarios