Pontecesures recupera o espazo público e volve centrar a mirada cara á ría

A Deputación Provincial financiou os traballos de humanización que converten a zona portuaria no novo punto de encontro da veciñanza
Camela Silva e Juan Manuel Vidal durante o percorrido pola vila. CEDIDA
photo_camera Carmela Silva e Juan Manuel Vidal durante o percorrido pola vila. CEDIDA

A presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, inaugurou xunto ao alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, o resultado final do proxecto para recobrar a relación entre o centro da vila e a zona portuaria coa recuperación do espazo público cara á ría, unha importante actuación de humanización que converte esta contorna no novo punto de encontro da veciñanza e que constitúe un novo exemplo da transformación da provincia baixo o modelo de mobilidade segura e sostible que promove a institución provincial. Os traballos foron financiados ao abeiro do Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos.

Cun orzamento de máis de 400.000 euros, a actuación pon en valor este espazo cara á ría co obxectivo de promover a dinamización social, económica, cultural, deportiva e de ocio na zona. As obras, desenvolvidas nun espazo de 3.000 metros cadrados, incluíron a habilitación de zonas exclusivas para peóns e ciclistas e outras con tráfico rodado, pero con preferencia peonil, para o que se xeraron espazos de plataforma única e plena accesibilidade. Habilitouse un parque infantil con dúas zonas de xogos para nenos e nenas de ata 14 anos, renovouse o alumeado con luminarias led e os traballos completáronse con plantación de arborado así como coa reubicación da escultura "Atios II" de Manolo Paz, que conta agora cunha nova iluminación para poñela en valor.

Carmela Silva subliñou o "radical e transcendental cambio" que vén experimentar esta fermosa contorna e que xa ten mellorado a calidade de vida da veciñanza. Según a presidenta, "estes son proxectos que facilitan o cambio dun modelo do século XX, no que os reis eran os vehículos e no que se expulsou ás persoas do espazo público, a este novo modelo do século XXI en que estamos a recuperar ese espazo".

Pola súa banda, o alcalde Juan Manuel Vidal destacou que este proxecto xa está a supoñer unha "mellora substancial na calidade de vida da veciñanza e vai ser un polo de atracción e revulsivo económico, que vai ter un efecto multiplicador con outros proxectos que imos sacar adiante". Tamén subliñou que sen o respaldo da administración provincial, "non tería sido posible levar a cabo" a recuperación onte inaugurada.

Comentarios