Os populares distáncianse en Cuntis e os socialistas manteñen a súa posición

O PSOE mantén a súa segunda posición cun refortalecido BNG pisándolle os talóns
Una urna electoral. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)
photo_camera Unha urna electoral. JAVIER CERVERA-MERCADILLO (ADP)

A correlación de forzas reflectida nas anteriores eleccións autonómicas mantense en Cuntis, onde o contundente triunfo (por maioría absoluta), alcanzado polo PSOE nas municipais non tivo continuidade onte, porque os seus veciños volveron confiar maioritariamente no PP. 

O partido da gaivota déixase atrás 208 votos, pero logrou sumar 1.111, que se converten nun 46,23% do censo, 4,29 puntos menos que na cita de 2016, na que lograra un rexistro de 1.319. Este respaldo supera amplamente en que obtivo nas municipais e marca unha hexemonía incontestable con respecto aos socialistas e ao BNG. 

O PSOE foi capaz de convencer a dez veciños máis, un crecemento que é imperceptible e está lonxe das súas expectativas, máis aínda tendo en conta que goberna o Concello. No entanto, ademais de crecer un 2,29%, os 577 votos permitíronlle lograr o seu segundo obxectivo: manterse na segunda posición, que lograron por unha marxe moi estreita. 

Logo de perder ao seu único concelleiro, o BNG protagonizou un enérxico ascenso. Os seus 207 votos, que o relegaron á cuarta praza hai catro anos (por detrás de En Marea), convertéronse en 554. Porcentualmente, o seu tirón foi do 15,12%. Galicia en Común (67), Vox (33), Ciudadanos (18) e PACMA, con dez votos, completan a listaxe.

Evolución de candidaturas en Cuntis. XUNTA
Evolución de candidaturas en Cuntis. XUNTA

Pontecesures

O PP marca as diferenzas 
Haberse deixado atrás 91 votos e menos de dous puntos porcentuais é, posiblemente, un prezo que o PP estivese disposto a pagar en Pontecesures a cambio de manter unha posición de absoluta preponderancia que non se ve cuestionada en absoluto por ningún partido. Esta formación política obtivo 734 sufraxios e ostenta o 51,29% do total. 

Seguindo a tónica habitual, o BNG tamén protagonizou un tirón, pasando de 124 a 373 votos, e a consecuencia é que o PSOE (con 216 e 16 máis) foi desaloxado da segunda praza polos nacionalistas. Galicia en Común sumou 47, Vox, 31, Cidadáns once e En Marea, cinco.

Catoira

O Bloque, ao bordo do triunfo  
Que os resultados dunhas eleccións municipais non son extrapolables a unhas autonómicas é unha axioma que o sucedido en Catoira pon en cuestión. Tras un ano tormentoso e controvertido á fronte do Concello, e en minoría, o BNG incrementou en máis de 24 puntos a súa presenza e obtivo 636 votos, cando contaba con 230. 

Este vertixinoso ascenso estivo a piques de darlle a vitoria, que alcanzou de novo o PP con 683, pero á conta de deixarse 132, e o PSOE perdeu 99 sufraxios, quedando relegado á terceira praza con 325. Galicia en Común (44), Vox (24), Cidadáns (18) e PACMA, con nove votos, completan a relación.

Comentarios