O PP celebra en Lalín o Día Nacional de Galicia apelando ao "galeguismo cordial"

O presidente galego invitou a gozar cunha festividade, o Día Nacional de Galicia, que debe ser "a celebración de todo o que nos une"
PP CELEBRA DIA DE GALIC(2)
photo_camera Imaxe da celebración. DP

O presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, participou este martes no acto oficial do seu partido para celebrar o Día Nacional de Galicia, no que apelou a facer gala dun "galeguismo cordial" acorde cos valores desta terra.

Núñez Feijóo visitou esta tarde a estatua erixida en Lalín a Balbino, o protagonista da singular obra de Xosé Neiras Vilas, Memorias dun neno labrego, para entregarlle unha ofrenda floral como agradecemento a este símbolo dos valores universais da cultura galega.

Posteriormente, desprazouse ata o Pazo de Liñares para intervir nun mitin con varios centenares de persoas, ante as que defendeu que, nun momento no que "a xente xa foxe da política e dos políticos", é "máis necesario que nunca atopar puntos de encontro" fronte a aqueles que se dedican a cavar "profundas trincheiras" e a romper "consensos".

Neste contexto, o presidente galego invitou a gozar cunha festividade, o Día Nacional de Galicia, que debe ser "a celebración de todo o que nos une" nunha terra "próspera" pero "aínda con moitos desafíos pendentes" que abordar nos vindieros anos.

Deste xeito, Núñez Feijóó dirixiuse aos presentes para que non se regodeen na Galicia que foi ou na que é neste momento, senón para que empecen a pensar en cal será a Galicia do futuro "con optimismo e con ilusión".

"Todos seguimos bebendo moito de Balbino", agregou, para definir a Galicia como unha terra que "foxe dos extremos" e que desconfía daqueles que queren apropiarse do galeguismo para si sos de forma excluínte, xa que unha forma de galeguismo -opinou- é "non pedir máis que os demais pero non pasar por menos que ninguén".

"Galicia hoxe quere que nos atendan, que nos entendan, que nos respecten e que nos acepten como un dos pobos máis importantes de España", sentenciou o presidente da Xunta, que cargou contra aqueles nacionalismos, o español e o galego, que negan esta dualidade e que non son máis que "dous extremos que yerran".

Baixo estes preceptos quixo enmarcar Núñez Feijóo a súa actividade política, como unha sorte de galeguismo "cordial" que sostivo a autonomía financeira como "clave para manter a autonomía política" e que conseguiu "saír da crise económica á galega, é dicir, con responsabilidade". Así mesmo, quixo debuxar a Galicia da próxima década e indicou que "toca actualizar" o concepto de galeguismo dun PP que reivindicou como a única forza que ofrece "un proxecto de futuro claro e en positivo", avalado pola experiencia de 30 anos de xestión.

Desta forma, Núñez Feijóo dirixiuse tanto á xente nova que liderará Galicia no futuro e á que xa contribuíu a facer crecer este país para animalos a sentirse orgullosos da súa identidade "sen medo a ningunha outra cultura" e "coa mente aberta para recibir o mellor de cada unha delas".

Na Galicia do futuro, o mandatario autonómico reservou un papel especial ao próximo Xacobeo 2021, que presentou como o "gran escaparate" do seu proxecto e do que prometeu que será "O mellor Xacobeo" da historia para mostrar "a mellor Galicia" que houbo.

"Serán os galegos os que escribirán a historia de Galicia que se abrirá a partir do ano 2020", resolveu Núñez Feijóo, que insistiu en que non existen "fórmulas máxicas" para abordar os retos e que puxo como exemplo de compromiso público ao recentemente escollido alcalde de Lalín, Xosé Crespo.

Entre os seus eloxios, o presidente galego deslizou sen querer, e de forma anecdótica, algunha pista da posible futuro como candidato á reelección, xa que, intentando parafrasear a intervención de Crespo para defender o seu proxecto para a Galicia dos próximos anos, declarou o seguinte: "Non me comerá a terra sen volver ser pres?", unha frase que deixou a medio terminar e da que se retractou entre risas.

Comentarios