O PP rexeita a proposta do BNG de engadir unha ambulancia no Deza

O parlamentario nacionalista Luís Bará recordou o recente caso do falecido en Dozón tras esperar durante máis de 45 minutos pola chegada dunha ambulancia
Luís Bará. DP
photo_camera Luís Bará DP

O Parlamento de Galicia rexeitou este mércores, cos votos en contra do grupo maioritario do PPdeG fronte ao apoio do conxunto da oposición, unha proposición non de lei do BNG pola que se instaba á Xunta a mellorar "a atención ás urxencias sanitarias na comarca do Deza" coa incorporación dunha nova "ambulancia medicalizada".

Dito vehículo operaría desde Lalín, principal núcleo de poboación da zona, desde onde se desprazaría aos lugares nos que se rexistrasen incidencias nas que fose precisa a súa actuación.

Na súa intervención, o parlamentario do BNG Luís Bará criticou a "deficiente cobertura" desta área en canto a transporte sanitario, posto que non existe "ningunha ambulancia medicalizada", o que -ao seu xuízo- supón unha "discriminación evidente con respecto a outras comarcas do país".

"Hai unha gran mobilización social e tamén institucional", asegurou Bará, que recordou que no pasado mes de xullo o concello de Lalín aprobou de xeito unánime unha moción neste sentido que contou cos votos a favor do propio Partido Popular.

Así mesmo, recordou o recente caso do home falecido en Dozón tras esperar durante máis de 45 minutos pola chegada dunha ambulancia para atendelo por unha parada cardiorrespiratoria e subliñou en que se deben pór "medios para evitar que se volva a repetir unha situación como esta ."

"Os recortes en sanidade matan", alertou o portavoz nacionalista, que censurou que a Xunta "non ten intención de dotar á comarca do Deza de ningunha ambulancia" adicional.

A proposta do BNG atopou o apoio do conxunto da oposición, que coincidiu cos argumentos expostos por Bará e lamentou o déficit de recursos sanitarios existentes en Galicia.

Mentres tanto, o representante do PPdeG neste debate, Aurelio Núñez Centeo, apuntou que o prego de transporte sanitario inclúe unha previsión de necesidades en base aos datos recollidos polo Goberno galego e conta cunha ambulancia con base en Lalín para atender certas continxencias na comarca do Deza.

Do mesmo xeito, recalcou que o concello de Dozón apenas requiriu en 2018 o uso de ambulancias do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en 69 ocasións, 0,18 por día; mentres que no que vai de 2019 foron 57 intervencións.

"Creo que ninguén ten dúbidas de que a Consellería de Sanidade porá os medios que fagan falta", manifestou Núñez Centeo, que especulou con que a "triste noticia do falecemento dun mozo en Burela na entrada do colexio", na que nin todos os recursos posibles "foron suficientes para evitar o fatídico desenlace", sería aproveitada pola oposición para atacar á Xunta se ocorrese noutras circunstancias. 

Comentarios