Protección Civil de Cuntis retira un niño de velutina de 1,80 metros de diámetro

Atopábase colgado do teito do faiado dunha vivenda situada no lugar de Calvos, e podería albergar máis de 1.500 avespas
Un miembro del Servizo Municipal de Emerxencias de Cuntis retiró el nido de velutina. DP
photo_camera Un membro do Servizo Municipal de Emerxencias de Cuntis retirou o niño de velutina. DP

Os efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil de Cuntis retiraron un niño de avespa velutina de 180 centímetros de diámetro, que o converte no de maiores dimensións de cantos eliminaron ata a data. Este traballo foi realizado nunha vivenda situada no lugar de Calvos, na tarde do día 15. Atopábase no faiado da casa, e cada un deles pode chegar a albergar máis de 1.500 avespas.

A agrupación de Protección Civil de Cuntis retirou 78 niños de velutina desde o mes xullo deste ano, e o total correspondente ao exercicio actual é de 120, unha cifra moi inferior á dos 350 retirados durante 2017.

É no último trimestre do ano cando o número de retiradas comeza a descender, polo que Protección Civil considera que o número total de niños retirados seguirá a tendencia descendente marcada nos últimos anos.

A evolución positiva que se está rexistrando no municipio de Cuntis é consecuencia do investimento por parte do Concello, para dotar ao Servizo Municipal de Emerxencias de líquido que atrae a avespa velutina e que distribúe entre os veciños para fomentar a instalación de trampas.

Outro factor decisivo nesta loita é a observación. Protección Civil ten localizados varios niños, en distintos lugares, que non elimina. A razón é que os utiliza para estudar o comportamento das avespas e así combatelas con máis efectividade. Desta observación extraeron a conclusión de que non é suficiente con eliminalas, senón que tamén é preciso retirar os niños para impedir que as larvas que quedan neles se reproduzan, coa calor como aliada, aos catro ou cinco días.

Comentarios