Protestan pola falta de médicos no centro de saúde de Soutelo de Montes

Os pacientes tiveron que desprazarse a Forcarei

O candidato de BNG-Foro Forcarei, Roberto Jorge Correa, no centro de saúde de Soutelo de Montes. DP
photo_camera O candidato de BNG-Foro Forcarei, Roberto Jorge Correa, no centro de saúde de Soutelo de Montes. DP

Os pacientes do centro de saúde de Soutelo de Montes víronse obrigados o pasado luns a desprazarse ao centro de Forcarei ou ao 061 debido á falta do único médico do que dispoñen.

A Agrupación de Profesionales de la Salud en Galicia (Prosagal) e BNG-Foro Forcarei denunciaron a situación. "Así está a atención primaria en Galicia, abandonada pola mala xestión política”, aseguraron dende a asociación. O candidato á alcaldía polos nacionalistas, Roberto Jorge Correa, apuntou que xa "dende a semana pasada" o Sergas "sabía que se ía ausentar”.

Dende a Consellería de Sanidade, explicaron este luns que "non había marxen administrativa para contratar” a outro profesional que atendese o servizo debido a que, segundo precisa, a baixa foi notificada na propia xornada do luns e non houbo recursos humanos dispoñibles para cubrila no mesmo día. 

"Se esta situación se chega a dar a semana pasada, atopariámonos con que no Centro de Saúde de Forcarei había un só médico en horario de 10.00 a 13.00 horas, en lugar dos dous asignados, pola mesma teima da Consellería de Sanidade de non atender as baixas do Concello de Forcarei e, polo tanto, toda a poboación do concello sería atendida por un único médico tres horas”, engadiu Roberto Jorge Correa. Tamén advertiu de que “se esta situación non se soluciona, volveremos convocar ós veciños a saír á rúa para defender a continuidade da atención médica".

Comentarios