PSOE e BNG reclaman unha ambulancia máis para atender Deza

Os socialistas presentan unha proposición non de lei no Parlamento na que esixen investigar o ocorrido en Dozón
Ambulancia del 061. ARCHIVO
photo_camera Ambulancia do 061. TOÑO PARGA (ARQUIVO)

PSdeG-PSOE e BNG deron este mércores un paso máis na súa reclamación para que se dote a comarca de Deza de outra ambulancia máis para atender a zona. Trátase dunha vella petición que volve recordarse tras o falecemento dun home o pasado fin de semana en Dozón mentres esperaba a chegada dunha ambulancia que se demorou tres cuartos de hora, ao estar ocupados os dous vehículos habituais na comarca.

O Grupo Parlamentario do PSOE, por iniciativa dos seus deputados Julio Torrado, María Luisa Pierres e Noela Blanco, presentou este mércores unha proposición non de lei para o seu debate en Pleno, na que pide que se abra unha investigación sobre o sucedido a madrugada do pasado 14 de outubro en Dozón para coñecer as causas que levaron á morte do home. Tamén reclama que se atenda a demanda do Concello de Lalín e a petición unánime dos grupos políticos que reclaman a dotación dunha nova ambulancia con base en Lalín para complementar as que funcionan en Deza.

Pola súa banda, o BNG defenderá en todos os municipios da comarca onde ten representación unha moción na que tamén pide á Consellería de Sanidade que dote a Lalín, como cabeceira de comarca que é, dunha ambulancia medicalizada "con tódolos elementos e persoal técnico necesarios para garantir un rápido traslado a Santiago de pacientes e accidentados graves", explica o texto que se debaterá nos diferentes concellos.

Comentarios