O PSOE denuncia que o PP de Moraña pediu o voto cunha carta na que regala lotería

Levou o caso á Xunta Electoral Provincial e pide que se abra un expediente sancionador
Carta y lotería enviados por el PP de Moraña. PSOE
photo_camera Carta e lotería enviados polo PP de Moraña. PSOE

O PSOE denunciou ante a Xunta Electoral Provincial de Pontevedra un envío postal realizado polo PP de Moraña no que, a través de cartas remitidas a varios veciños do municipio, solicita o seu voto e adxunta de agasallo participacións para o sorteo da Lotería de Nadal. O envío inclúe a propaganda electoral do PP, unha carta asinada pola alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, e as papeletas do Congreso e do Senado.

Os socialistas aseguran que estes feitos incumpren o artigo 50 e seguintes da lei electoral, que establecen que os poderes públicos non poden influír na orientación de voto dos electores e "moito menos", engaden, regalando lotería.

O PSOE esixe que a Xunta Electoral abra un expediente sancionador ao PP para coñecer "todos os detalles e o alcance" deste envío electoral e confían en que se lles impoña unha sanción "exemplarizante". Denuncian, ademais, que Piñeiro "xa se distinguiu noutras ocasións pola súa falta de transparencia e escrúpulos á hora de alcanzar os seus obxectivos".

Comentarios