O PSOE de Lalín oponse aos "macroparques eólicos" e acusa a Crespo de mentir

Asegura que afectan ao modelo económico e ambiental e destaca o seu impacto visual e auditivo

O PSOE de Lalín afirma estar "rotundamente" contra os "macroparques eólicos proxectados para o noso concello, porque afectan directamente ao noso modelo económico e ambiental e teñen un impacto visual e auditivo que afecta directamente á xente e incluso á vila". 

"Non lle imos permitir a Crespo que siga mentindo nos medios e nas reunións cos veciños", advertiron os representantes do partido do puño e a rosa. "Estes megaparques non os fai o Partido Socialista", agregaron.

O Ministerio de Transición Ecolóxica só poxa a enerxía e, a partir de aí, son as empresas gañadoras das poxas as que deciden onde instalar os parques, está obrigado, en primeira instancia a admitilos todos a trámite, e é despois cando se poden paralizar, apunta o PSOE. 

Esta formación recorda que o Goberno, con Rajoy á fronte, realizou tres poxas e nunha a gañadora foi Alfanara, a empresa que, con outro nome, pretende impulsar os dos Porcallos e Val do Folgoso.

"Tanto ten quen goberne porque son as empresas as que deciden a localización, non é o PSOE o que quere traelo para Goiás, e por iso non lle imos permitir a Crespo que siga mentindo nesta cuestión", recalca o PSOE.

Comentarios