O PSOE de Moraña esixe a restitución do servizo de pediatría no Centro de Saúde

Centro de Saúde de Moraña. GOOGLEMAPS
photo_camera Centro de Saúde de Moraña. GOOGLEMAPS

Non son casos puntuais. O Centro de Saúde de Moraña queda sen atención pediátrica todos os veráns desde o ano 2018. Esta situación foi denunciada polo responsable da executiva local do PSdeG-PSOE, Xoel Souto. Os socialistas anuncian que participarán en cantas iniciativas poñan en marcha os veciños para esixir a solución deste problema, e reclaman o reforzo dos medios humanos dun servizo que tarda un mínimo de doce días en outorgar citas presenciais.

Souto advirte de que a paciencia "xa chegou a un límite despois de anos de parches e fuxidas para adiante por parte do Partido Popular", e insta o alcalde, José Cela, "a que se poña á fronte do pobo e faga honra ao cargo que ostenta para reclamar unha atención médica digna, un dereito básico e absolutamente imprescindible nun concello rural".

Mentres iso non suceda, as familias de Moraña terán que desprazarse a Caldas de Reis para recibir "a atención pediátrica que se lles nega no seu pobo", a un Centro de Saúde "que tamén é vítima dos recortes de persoal", segundo subliñan os socialistas.

Outra alternativa é dirixirse a Urxencias do Hospital Provincial "para cuestións de saúde que deberían obter unha resposta na rede primaria", apunta Souto.

Ante esta situación, que se repite, o partido do puño e a rosa pregúntase que clase de aposta fai o PP para fixar a poboación nos concellos pequenos do interior, "cando maltrata sistematicamente deste xeito a sanidade pública na súa primeira liña, que é a Atención Primaria".

Comentarios