O Concello de Valga mantén que non ten débedas pendentes

O grupo municipal socialista cifra en 1,5 millóns de euros o pasivo que arrastra a Administración local e advirte de que a tendencia é negativa
Una sesión plenaria en Valga. DP
photo_camera Unha sesión plenaria en Valga. DP

As contas do Concello de Valga están saneadas e, actualmente, esta Administración local ten a cero o seu déficit. Esta afirmación foi realizada polo alcalde, José María Bello Maneiro, durante o Pleno no que foi aprobada a Conta xeral, cos votos favorables dos concelleiros do Partido Popular.

O grupo municipal socialista ten unha visión oposta da situación. A súa portavoz, María Ferreirós, mantén que a débeda ascende a 1,5 millóns de euros. A edil do PSOE agrega que no exercicio anterior aumentou en 400.000 e advertiu de que a tendencia negativa se prolonga desde hai catro anos.

Como sucedeu nos tres anos anteriores, o peche do balance económico realizado polo Concello de Valga, correspondente ao ano 2018, tamén se saldou con números vermellos e o incremento da débeda que arrastra a Administración local, "provocada por un Goberno que non fixo ben as súas previsións e disparou o gasto", apunta o PSOE. Son 400.000 euros os correspondentes ao exercicio anterior, e ascende a 1.520.347 o total, cando o seu orzamento rolda os 5,5 millóns.

O Concello ten pendente o pago de 929.868 euros que corresponden a préstamos concertados coa Deputación provincial. 490.810 figuran no apartado de obrigacións pendentes de pago a 31 de decembro de 2018, e 99.667, no apartado de acredores pendentes. Son facturas que foron imputadas no exercicio actual por non contar con consignación orzamentaria no anterior.

As previsións de entradas que realizou o Goberno local tampouco estiveron moi axustadas, subliña o PSOE, porque o Concello de Valga deixou de ingresar a 1.808.255 euros no ano 2018.

No capítulo correspondente a taxas, prezos públicos e outros ingresos o desfase ascendeu a 71.908, mentres que no apartado de transferencias correntes figuran 345.298 menos que os que esperaba recadar a Administración local. En ingresos patrimoniais o saldo negativo é de 1.262, en transferencias de capital, de 243.589, e en activos financeiros, 1.173.010.

Precisan os socialistas que os activos financeiros inclúen as subvencións a ingresar procedentes doutras administracións, o que demostra que "as axudas económicas esperadas pola Xunta de Galicia non foron as inicialmente previstas", sinala o PSOE.

Por outra banda, a aprobación da Conta Xeral, que se produciu nunha sesión plenaria celebrada o día 14, "chegou tarde, pois tería que estar aprobada e enviada ó Consello de Contas antes do 1 de outubro e ser debatida en comisión antes do 1 de xuño", apunta a portavoz do grupo municipal socialista, María Ferreirós. A débeda e o gasto aumentan, "o que demostra o fracaso da xestión económica do Goberno popular, e que empeora a situación económica dos valgueses", engade.

Bello Maneiro asegura que "ten débeda cero"
O orzamento de 2018 pechouse cun superávit de 337.857 euros, afirmou o alcalde, José María Bello Maneiro, e estes fondos serán incorporados ao correspondente a 2019. Sobre un total de 5,4, os ingresos foron de 5,3. O rexedor incidiu que o Concello realizou unha xestión equilibrada, e mantivo que "ten débeda cero". A Conta Xeral foi aprobada cos votos dos edís do PP.

Comentarios