"Este recoñecemento anímame a enfrontarme a novos retos"

Edita Rodríguez Oca, propietaria da firma artesá Jatafarta, é candidata ao Premio Artesanía de Galicia coa súa peza Bolso Urbana. Considera que para salvar profesións como a marroquinería é preciso manter a tensión entre a sabedoría do oficio tradicional e a utilización das novas tecnoloxías 
Edita Rodríguez Oca. DP
photo_camera Edita Rodríguez Oca. DP

No catálogo de Jatafarta pódense atopar desde os artigos máis tradicionais asociados ao coiro, como riñoneras, bolsos, carteiras ou colgadoiros a outros máis vangardistas e relacionados coa moda como arneses. Tamén obxectos de decoración como os espellos-estante, os clásicos matamoscas, as casas-peto ou os xeométricos pousavasos.

Detrás desta firma, ubicada en Santiago de Compostela, está a estradense Edita Rodríguez Oca, candidata ao Premio de Artesanía de Galicia co seu Bolso Urbana, unha peza pensada para integrar varias funcións nun pequeno espacio. O seu traballo pódese ver na web ou na páxina de Instagram https://www.instagram.com/jatafarta/.

Como naceu Jatafarta?

Comezo con Jatafarta no 2008, aínda que veño dunha contorna familiar artesá, a miña formación académica foi quen me dirixiu ata este proxecto. Tras rematar a carreira de Belas Artes, considerei que esta era unha maneira de traspasar a miña formación ao campo da artesanía e o deseño, un ámbito que me resultaba coñecido e co que contaba como unha opción posible. Así foi como empecei este proxecto despois de instalar o meu taller en Santiago de Compostela

De onde vén o nome?

O nome foi unha idea dunha amiga filóloga que coñecía a miña fascinación polos gatos (ri), xogando coas palabras deu con este substantivo onde o A se repite catro veces recordándonos foneticamente ao árabe e a Marrocos que por aquel entón visitabamos moi a miúdo e onde eu aprendín a traballar algunhas técnicas aplicadas ao coiro da man de grandes mestres marroquineros.

Co seu traballo mantén vivo un oficio case ‘en perigo de extinción’.

O meu traballo efectivamente instálase nos modos de facer do oficio tradicional, nese sentido hai unha preocupación por recuperar técnicas antigas, por aprender dos vellos mestres, como apuntaba antes da miña relación con Marrocos, pero por outro lado hai un interese pola creación de obxectos incorporando elementos e formulacións contemporáneas que teñen máis que ver co campo da escultura e do deseño e ao mesmo tempo tirar de ferramentas e procesos máis innovadores. Creo que salvar estes oficios pasa precisamente por manter este tipo de tensións entre a sabedoría do oficio tradicional e a utilización das novas tecnoloxías.

É candidata ao Premio Artesanía de Galicia. Que supón isto para vostede?

É moi ilusiónante e motivador ver que unha das miñas pezas está entre as finalistas. Este tipo de recoñecemento axúdame a seguir crendo no proxecto Jatafarta e anímame a enfrontarme a novos retos.

Considera que a artesanía está valorada?

Penso que cada vez máis, sobre todo por aquelas persoas que queren consumir de maneira responsable. Creo que neste precipitado cambio de paradigma hai razóns para pensar que a artesanía xoga un papel importante. Os obxectos de calidade, a produción a pequena escala, o consumo de proximidade, o aproveitamento de recursos así como a mellora nas condicións laborais fan dos modos operandi da artesanía a mellor das alternativas en canto aos xeitos de producir se refire.

A artesanía supón moitas horas de traballo e dedicación…

A artesanía destaca polas formas lentas de produción xa que repara e atributos que a industria pasa por alto. O traballo que hai detrás de cada peza é un valor que garante varias cousas. No meu caso nomearía as seguintes: calidade na construción do obxecto e na elección dos materiais, que ademais son locais, e no caso do coiro que utilizamos, é de curtido vexetal, que é máis respectuoso co medio ambiente e optimiza mellor as propiedades do material. Isto directamente entróncanos con outros dos aspectos destacables da artesanía: a sustentabilidade. Outro valor é a relación co traballo, non vou falar dunha idea romántica do traballo artesán, relaxado, apartado do mundanal ruído das grandes industrias, non, pero si dun aspecto que agora está moi de moda que é o ‘slow life’, a ruptura co desenfreado ritmo de produción das grandes corporacións, o respecto polo pequeno, pola calidade, por aloxarse do comprar, usar e tirar, por non producir máis do que se consume. E por último, o coidado nas producións á hora de concibir as pezas e a intención de darlle unha serie de significados e significantes que mellore a relación emocional cos obxectos: a identidade

E todo iso é o que diferencia a un produto feito a man contra un industrial.

Producir dunha maneira artesán ademais do que citei anteriormente, xera proximidade co cliente, esa persoa que vén a ti e merca unha peza e á que podes darlle a posibilidade de reparala polo uso no tempo... estabelecer unha relación de confianza e proximidade coa contorna cando produces e tamén co propio cliente cando vendes. As grandes producións xeran unha gran cantidade de obxectos inútiles ao redor de nós, hai que mercar menos e mellor, igual que producir menos e mellor. Gañamos todas e todos.

Coa pandemia, reducíronse os eventos onde os artesáns poden mostrar o seu traballo. Como afectou isto a Jatafarta?

O ano pasado foi un ano complicado en canto á posibilidade de amosar o noso traballo directamente ao público. Agora, este asunto xa está practicamente normalizado. A pandemia, no meu caso, forzoume a axilizar a venta a través de Internet. Unha vía de comercialización que é moi interesante para as pequenas marcas porque que nos da a posibilidade de chegar a máis público sen abandonar o lugar de traballo.

Comentarios