A firma DomusVi elixiu a residencia de maiores que xestiona en Lalín como un dos tres centros nos que pór en marcha unha experiencia de realidade virtual para os usuarios. En concreto, trátase dunha experiencia que permite realizar paseos virtuais en bicicleta.
"Co obxectivo de fomentar o exercicio e a actividade mental entre os seus residentes, DomusVi promove a súa colaboración con OROI, empresa que aplica a realidade virtual como solución para xerar benestar emocional, estimular cognitivamente e fomentar a práctica do exercicio físico nas persoas maiores", explican desde DomusVi a través dun comunicado.
O sistema combina o uso de pedais adaptados coas lentes de realizade virtual, polo que "os residentes poden gozar de entretidos paseos en bicicleta por portos de montaña, lagos xeados ou incluso polas magníficas pirámides exipcias".
Segundo Roberto González, responsable de I+D+i de DomusVi, triunfan "aqueles percorridos que se desenvolven preto da costa e que permiten aos usuarios ver e escoitar o”mar .
Ademais de Lalín, a firma puxo en marcha o sistema en Palma de Mallorca e Bonanova (Barcelona).