Retorno do cemiterio á Praza de Ferrol?

Antes de ser coñecida co nome da Praza de Ferrol, e converterse no lugar donde se celebraba o mercado a comezos do século XX, foi O Rolo, porque neste enclave atopabase a picota na que se axustizaba aos delincuentes. Neste emblemático recuncho do casco histórico de Cuntis erguíase un dos cruceiros máis antigos do municipio
Imaxe xeral e detalles do cruceiro. CEDIDA
photo_camera Imaxe xeral e detalles do cruceiro. CEDIDA
HAI BEN tempo a veciñanza cuntense foi cedendo o dereito de reprodución de múltiples fotografías que hoxe se conservan nos fondos públicos da Casa da Cultura Roberto Blanco Torres.

Con independencia de que se custodien orixinais de diversa temática, algúns verdadeiros documentos gráficos e outros veraces testemuños costumistas, entre os cartafoles arquívase unha fotografía da que hoxe queremos facer mención.

É aquela na que se identifica a Praza de Ferrol –a comezos do século XX– ateigada de xente nun día de mercado, cos postos instalados ao longo da súa superficie urbana, unha carruaxe de cabalos, a fonte de auga fría e o cruceiro.

Estes dous últimos elementos, co tempo, han ocupar outros espazos interesantes mais, baixo o noso punto de vista, pouco acertados na actualidade.

Ben fermosa se manifestaba esa estampa, con elementos arquitectónicos e etnográficos dignos hoxe dunha das mellores imaxes da vila. Cumpriría nalgún momento reconsiderar a idea de recuperarmos a antiga estética dese espazo urbano tan senlleiro?

A fonte de auga fría, con pío granítico e columna marmórea da que emerxen catro serpes de bronce das que gorgolexa a auga, instálase hoxe na coñecida Praza das Árbores (antano a “Horta das Señoritas”).

Porén, o cruceiro foi parar ao cemiterio municipal que, por volta de 1911, pouco máis ou menos, se traza nas proximidades do río do Porto Salto, nun dos extremos da rúa da Palma.

No artigo primeiro do regulamento do cemiterio certifícase que "es propiedad del Ayuntamiento, a cuyas espensas fue construído, por lo que a dicha entidad ejerce en el todo acto de dominio sin perjuicio del respeto debido a la jurisdición y derechos de la Iglesia católica".

Mercé do articulado, a administración foi quen de trasladar ese fermoso cruceiroaté o lugar actual.

De queremos describilo quizais resulte útil botar unha ollada ao libro Cruces, cruceiros e petos do Concello de Cuntis (2009), elaborado por Estanislao Fernández de la Cigoña.

Malia que o autor asegura que se trata do cruceiro máis antigo do municipio, nós non acreditamos tal, se ben é certo que si resulta ser dos máis vellos.

Na propia cruz, nunha das súas caras, aparece esculpida con moita mestría e dramatismo unha virxe da piedade co seu fillo morto no colo; e na cara oposta cicélase a silueta de Xesús crucificado, sobre do cal vemos o pergameo coa lenda INRI.

Interesantes son tamén as outras efixies que se asentan no fuste da columna. Debaixo do Cristo identificamos un San Pedro que terma un libro coa man dereita, en alusión ao seu apostolado, e coa esquerda as chaves do Ceo (Mateo 16: 19).

Na cara oposta do fuste é a figura de San Domingos de Guzmán (1170-1221) a que se esculpe, se ben nun primeiro momento podería parecer a de San Francisco.

Os atributos que porta o fundador da orde dos predicadores son: unha vara de azucenas na man dereita (símbolo da pureza), un libro na esquerda (en alusión á Biblia como fonte de predicación), e cabo dos seus pés un can cun facho de lume trabado pola boca (vinculado ao soño que tivera o santo e que suxería que ía ser el quen acendese o lume de Xesús Cristo no mundo).

Ambas figuras superan os 60 centímetros de alto, tendo todo o elemento uns 4,20 metros na mesma dimensión.

Na base e en perpendicular a San Domingos existe unha inscrición que testemuña que o elemento etnográfico foi pintado por 1849.

Así as cousas, e fincado por ese tempo na Praza do Rolo, dáselle lustre ao cruceiro, nun momento que ocupa a alcaldía constitucional José Manuel Valiñas, xenro de Vicente Xosé de Castro Lira e Lavandeira (deputado cuntense nas Cortes de Cádiz).

Na cara norte da base desta pequena xoia, peza elaborada por anónimos canteiros, existe unha outra inscrición que certifica quen foron as persoas promotoras. A mesma reza así: “Ízolo P[edr]o Deira i Do / mingo do Canpo/ ano 1697”.

É unha mágoa que esa data non poida ser lida na actualidade, xa que un novo empedrado –demasiado acaroado ao monumento etnográfico– censura a última liña epigráfica.

Que pouco respecto hai, por veces, con estes elementos! Oxalá algúns rexedores tivesen un chisco máis de visión e “luces” para conservar e divulgar o patrimonio histórico-artístico.

Mais quen son esas persoas que na inscrición se designan? Poucos son os datos que puidemos recompilar ao respecto. Démonos conta que os arquivos da administración pública sufriron perdas irreparábeis canda a batalla contra as tropas de Napoleón.

Así e todo, no labor que dende hai tempo iniciamos de recompilar datos sobre a antiga xurisdición dos Baños, sabemos que Pedro Deira (ao igual que Francisco García, Andrés Aboi e Xoán Faramentáns) fora un dos rexedores desa vila e xurisdición entre 1676 e 1679.

Máis complicada resulta a identificación de Domingos do Campo pois, por mor da homonimia imperante, até o de hoxe non nos arriscamos a certificar ren.

Só achegaremos como dato adicional que logo de ser esculpido o cruceiro instálase na praza que outrora se denominaba –cando menos a nivel popular– como do Rolo, por estar aí localizado o rolo de xustiza ou picota (pelourinho en Portugal), elemento no que se axustizaban as persoas que delinquían.

Comentarios