A sanidade centrará o primeiro pleno do curso tras morrer un home no PAC da Estrada

PPdeG e PSdeG rexeitan unha comisión de investigación sobre o accidente do Marisquiño, que abordará Rueda nunha comparecencia 

Vázquez Almuíña. EP
photo_camera Vázquez Almuíña. EP

A situación da sanidade pública centrará o primeiro pleno do curso político no Parlamento de Galicia, unha cita na que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deberá responder as preguntas do En Marea e BNG sobre o falecemento dun home sen atención médica na PAC da Estrada a principios de agosto. Pola súa banda, os socialistas abordarán este asunto a través dunha interpelación ao Goberno galego. 

Diso informaron os portavoces dos grupos parlamentarios tras a reunión na que fixaron a orde do día do próximo pleno, unha axenda na que o PPdeG rexeitou a inclusión da comparecencia do conselleiro de Sandiade, Jesús Vázquez Almuíña, como así pedía a oposición tras o suceso rexistrado na PAC deste municipio pontevedrés. 

Con todo, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, puxo en valor que a situación da sanidade pública poderá ser abordada nos ata "oito debates" sanitarios que incluirá a sesión. 

O MARISQUIÑO. Con todo, este pleno que terá lugar os días 11 e 12 de setembro e que dará inicio ao período de sesións si incluirá a comparecencia –a petición propia– do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que falará da actuación da Xunta en relación ao accidente rexistrado durante a celebración do Festival O Marisquiño en Vigo. Todo iso despois de que non saíse adiante a petición de nacionalistas e rupturistas para a posta en marcha dunha comisión de investigación sobre este suceso que provocou que máis de 400 persoas resultasen feridas. 

E é que a posta en marcha deste órgano, esixida por BNG e En Marea para depurar as responsabilidades do ocorrido, non foi apoiada por populares e socialistas. En concreto, Puy (PPdeG) xustificou a postura do seu grupo ao asegurar que, "polo momento", o "máis conveniente" é que as "aclaracións que son necesarias" se produzan no pleno do Concello de Vigo. 

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou que o Partido Socialista é "o primeiro interesado" en que se saiba a verdade pero recordou que a Xunta é a "única administración que non ten competencias" directas sobre o ocorrido. "Xa que logo, non imos participar nesa cerimonia da confusión para tapar que hai algunhas organizacións –en referencia ao BNG– que só están aquí e que non están nin no Concello nin no Congreso", apuntou. 

Ademais, outro dos asuntos que se abordarán a próxima semana no Pazo do Hórreo será a aprobación do ditame da comisión especial posta en marcha na Cámara galega tras a vaga de incendios forestais de outubro de 2017, cuxas conclusións só saíron adiante en comisión co apoio do PPdeG e PSdeG. Para este debate, o viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, xa avanzou o voto en contra do seu grupo por considerar que "non soluciona nin dá un xiro" ás políticas que, na súa opinión, están tras os lumes.

INICIATIVAS DOS GRUPOS. Na comparecencia ante os medios tras a reunión da Xunta de Portavoces, os diferentes grupos deron conta doutras iniciativas que levarán ao próximo pleno. Así, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, destacou que a súa formación esixirá ao Goberno central, a través dunha proposición non de lei, igualdade de trato para os portos galegos tras os beneficios anunciados para o de Valencia. 

Ademais, os populares galegos tamén reclamarán que o Ministerio para a Transición Ecolóxica constitúa de inmediato o grupo de traballo anunciado para analizar o modelo de transición enerxética máis racional e sostible economicamente, no que teñan cabida as centrais térmicas de Meirama e As Pontes. 

As iniciativas incorporadas polo PPdeG na orde do día da sesión plenaria "están vinculadas coas prioridades de goberno que levamos impulsando desde o inicio da lexislatura: a creación de emprego e o benestar social", sinalou Pedro Puy, que avanzou tamén preguntas á Xunta sobre o acordo para incrementar o salario dos docentes e as obras do hospital Gran Montecelo de Pontevedra. 

A situación do porto exterior da Coruña tras a condonación da débeda ao de Valencia tamén será abordada por En Marea, que esixirá á Xunta que "faga o seu traballo" para que non se produza "ningún agravio comparativo" e pedirá que se deixe sen efecto o "vergoñoso" convenio asinado en 2004 no que se incluía a venda dos terreos portuarios para pagar a débeda. 

Ademais, a formación rupturista tamén denunciará a "manipulación informativa" dos medios públicos por parte do PP. "O PP, non contento con manipular e privatizar a información, inicia unha campaña de represión contra os profesionais que denuncian esa situación", censurou. 

Este asunto tamén será abordado polo BNG no próximo pleno da Cámara, cita na que os nacionalistas pedirán a reprobación do director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, como máximo "responsable de converter o ente nun aparello de propaganda ao servizo do PP e de Feijóo", tal e como avanzou a líder da formación frontista, Ana Pontón. 

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, aproveitará a primeira sesión de control do curso para afearlle a Feijóo o "déficit de prazas residenciais en Galicia" tras o informe do Consello de Contas que, segundo indicou, sustancia "con detalle" a falta destas prazas, especialmente en centros de xestión pública directa. 

Ademais, os socialistas galegos defenderán, entre outras cuestións, unha proposición non de lei para reclamar á Xunta que aplique as propostas do informe do Defensor do Pobo sobre a atención ás persoas con enfermidade mental. 
 

Comentarios