Un santo e unha virxe mirando cara a parede

A Rúa do Cruceiro ►Temos que facer unha chamada de atención para que entre todas e todos, institucións e particulares do Concello de Cuntis, salvagardemos elementos culturais coma este, dignos –cando menos– de respecto, protección e valorización
Imaxe e detalles do cruceiro. CEDIDA
photo_camera Imaxe e detalles do cruceiro. CEDIDA

Ao escultor Juan Cabeza Quiles, en gratitude pola súa xenerosa axuda

Quizais para achegar ciceladas históricas sobre o cruceiro que se localiza á entrada do camiño que vai a Trasponte, na vila do Baño (Cuntis), debamos iniciar a nosa análise no solpor do século XVI.

Desa época contamos cun documento pasado perante o notario Alonso Fernández que indica que Catarina Rodríguez do Baño, muller de Gómez Cerviño, goza de certa licenza para vender determinados bens que lle son de seu, concretamente o "lugar y casal que de diçe de Trasponte, en que ella al pressente vive, y Julio d'Aboy, su hijo, y Pedro de Mesego, su hierno, que della ellos traýan por cierto fuero y título".

As persoas referidas venden ao bacharel Gómez García Varela catorce celamíns de centeo, ademais de hipotecar o agro da Vesada, "que ba a longo de una parte de leira de heredad que es de Bertolo de Barrio, vezino de dicho lugar, y de la otra de Congostra del Hespiño, y es camino para la villa de Caldas de Reys; y enla heredad do Agriño das Casas Vellas, junto a la dicha aldea".

A 3 de maio de 1599, a propia Catarina, "con lizencia de dicha justizia, y Juan d'Aboy, y María da Hermida, su muger, y Pedro de Mesego, y María d'Aboy, su muger, y las mugeres con lizencia de los maridos, vendieron al dicho bachiller Gomes García Varela, vezino de Cuntis, los 19 celemines de centeno".

Porén, "esperaban tratar (...) las heredades que se diçen da Besada y da Balada, y heredades de junto al cruzero de abajo que está a la entrada y salida de dicha villa de Cuntis, cerrada sobre sí, junto a la Congostra do Hespiño".

A teor deste documento podemos realizar dúas afirmacións: por unha banda que existe un cruceiro ao pé do camiño que vai a Trasponte (e de aí a Caldas de Reis). Este coñécese co nome de Congostra do Espiño. En segundo lugar, a vila do Baño conta cando menos con outro monumento relixioso dese tipo, xa que ao haber un "cruzero de abajo” implica a presenza doutro de “arriba".

A familia Aboi goza dos bens dos seus antepasados até ben entrado o século XIX, mais localizamos un texto do abrente da centuria anterior que reza deste xeito: "Pagan los herederos de Domingo de Aboi, el biexo, y los de Domingo de Aboi, moço, y Pedro Deira, todos consortes, veinte y quatro ferrrados de pan mediado por las heredades das Morousas alias Puerto Budión, y la de LaBesada, y das Casas Bellas, y el agro de junto al Crucero (...)".

Certifícase novamente a presenza deste elemento, pois tan importante foi que serviu para lle dar nome á rúa. Co rótulo da "Calle del Cruzeio" figura nunha fotografía antiga, que conserva o meu irmán Martiño, e deste xeito seguirá atéque lle muden a denominación pola de Bernardo Sagasta (enxeñeiro pontevedrés, deputado polo distrito de Caldas e ministro de facenda).

No que concirne ás vivendas destes "labregos ricos" cómpre sinalar que unha delas fica a menos de cincuenta metros do cruceiro. Nela viviu Roque Aboi, quizais aquel que a ergue ou reconstrúe a finais do século XVIII.

Na súa fachada lese un par de inscricións con tres datas distintas: "Año de MDCCXCVIs, de M 96” e “Ave María Purísima, A(ño) d(e) 1799".

Netos deste Roque e de María Ferro son Xoán Xosé de Castro Vilaverde e Aboi (familiar do Santo Oficio da Inquisición e dono da casa do Pumar) e Roque García Aboi, quemorre de "marasmo" con máis de oitenta anos o 8 de marzo de 1868.

Se ben o cruceiro sempre se coñeceu como "de Roque", quizais outrora non tanto sinalaba aos propietarios homónimos senón, máis ben, ao santo desa devoción que se esculpiu na vara do mesmo (hoxe, lamentabelmente, mira cara a parede dun edificio). A outra figura representada no fuste resulta de complicada atribución, e no dado da base, ademais dunha píntega (ou réptil), esculpiuse cadansúa caveira para os vértices superiores.

Se observamos as características que ten este elemento, o grao de erosión que sufriu, o feito de se tratar dun cruceiro de zuncho (pois conta cunha abrazadeira na parte superior do capitel que serve para outorgar máis consistencia á cruz que se embute no interior da vara) e, sobre todo, se nos guiamos das explicacións do escultor Juan Cabeza Quiles -que ten investigado abondo nestes asuntos e a quen lle agradecemos a súa xenerosa colaboración-, todo nos leva a pensar que estamos diante do mesmo cruceiro que se cita nos textos de finais do século XVI.

Así e todo non podemos certificar, até o de agora, se a cruz é ou non máis recente.

O monumento etnográfico conta na actualidade cunha altura duns 3,75 metros. Porén, ao analizarmos fotografías antigas, observamos que tivo cando menos un chanzo máis (alén do xa existente) na parte inferior do dado. Velaí que puidese acadar os 4 metros de altura.

A xeito de reflexión coidamos que só nos resta facer unha chamada de atención para que entre todas e todos, institucións e particulares, salvagardemos elementos culturais coma este, dignos -cando menos-de respecto, protección e valorización: alguén terá que reconsiderar se San Roque e a Virxe teñen que seguir castigados mirando cara a parede!

Comentarios