O Sergas afirma que manterá a dotación médica no Centro de Saúde de Forcarei

Centro de salud de Forcarei. GSV
photo_camera Centro de saúde de Forcarei. GSV

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés anunciou este domingo que está a efectuar xestións organizativas para manter a actual cobertura de Atención Primaria no Concello de Forcarei, tanto en Medicina de Familia como en Pediatría.

Tras a xubilación dun dos tres facultativos de Medicina Familiar, o Sergas afirma que "manterá esta dotación de prazas médicas á vez que persevera administrativamente para que tanto en Soutelo de Montes coma en Forcarei as cotas continúen por debaixo da media de tarxetas sanitarias por profesional con respecto ao resto da área".

A poboación con cobertura de Atención Primaria en Forcarei é de 3.430 cartóns individuais, 2.907 corresponden a poboación adulta de máis de 14 anos, e 523 son de menores desa idade. Para atendela, conta con dous médicos de familia en Forcarei, con cotas de 902 e 870 cartóns sanitarios, e un en Soutelo de Montes con 1.135.

"Ditas cifras revelan que as cotas están moi por debaixo da media por médico de familia con respecto ao resto da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que acada as 1.450 tarxetas", argumenta.

Por outra banda, o Sergas sinala que a de Atención Primaria dispón dunha pediatra que atende a 523 nenos dos municipios de Forcarei e de Cerdedo-Cotobade, "cotas practicamente na metade da media da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que se atopa nos 950".

Comentarios