A Serra do Candán terá unha área recreativa no concello de Forcarei

Instalarase un peche perimetral de 50 metros lineais, en madeira, para delimitar o espazo
Verónica Pichel visitou a zona onde se desenvolverá a área recreativa. DP
photo_camera Verónica Pichel visitou a zona onde se desenvolverá a área recreativa. DP

A futura Área Recreativa da Serra do Candán, en pleno do Camiño Xacobeo da Geira e dos Arrieiros, xa está en marcha. O Concello de Forcarei executará esta actuación no lugar do Sixto, na parroquia de Santiago de Pardesoa, grazas a unha subvención para investimentos non produtivos vinculados á realización de obxectivos agroambientais e climáticos en concellos incluídos na Rede Natura 2000.

Mediante este proxecto crearase unha área recreativa de uso público con paneis informativos e interpretativos sobre os valores naturais e patrimoniais do espazo natural da Serra do Candán, con especial atención ao significado e valor da Rede Natura.

Así, instalarase un peche perimetral de 50 metros lineais, en madeira, para delimitar a área de interpretación, e colocaranse sinais na estrada para a localización da área recreativa.

Esta actuación conta cun orzamento de 20.000 euros e será financiada a través do Programa de Desenvolvemento Rural

Dentro destes traballos inclúense tamén o acondicionamento do espazo, a retirada de escombros e a rehabilitación da fonte pública do Sixto, de gran importancia para os veciños e veciñas e situada na principal vía de comunicación do lugar, coa colocación dunha nova cuberta de madeira e tella semellantes á orixinal.

PUNTO ESTRATÉXICO. Esta área atópase nun punto cun gran valor estratéxico á hora de situar aos visitantes no contexto xeográfico do centro de Galicia e servirá de referencia para o coñecemento de, ademais da Serra do Candán, a Serra do Cando, as Brañas de Xestoso, a Fraga de Catasós ou o curso alto do Río Lérez.

Así mesmo, o Monte Costoia, un referente xeográfico indiscutible para a veciñanza de Pardesoa, marca nesta zona a divisoria orográfica entre as Serras do Cando e do Candán constituíndo unha corredoira natural e cultural entre os dous espazos naturais da Rede Natura.

Esta actuación ten un orzamento de 20.000 euros (IVE excluído) e será financiada a través do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (PDR), cunha achega do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) do 75%.

A área atópase nun punto de gran valor estratéxico e servirá para coñecer tamén a Serra do Cando ou as Brañas de Xestoso 

O Goberno local informa que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural acaba de confirmar a concesión desta subvención.

Entre os obxectivos deste proxecto do Conclello de Forcarei inclúense asegurar o mantemento da biodiversidade do espazo natural, fomentar o equilibrio entre as actividades sociais e económicas que se levan a cabo na contorna e os elementos naturais, mellorar a calidade de vida das persoas que desenvolven as súas actividades económicas e de lecer na contorna, mellorar a paisaxe rural e tradicional deste espazo da Rede Natura 2000, manter as condicións ambientais no mellor grao de conservación posible e fomentar o valor de recreo público, así como mellorar a información ambiental, entre outros.

Comentarios