Os socialistas de Lalín reclaman unha ambulancia medicalizada

O deputado Xullo Torrado anunciou que tamén solicitará no Parlamento a construción dun novo centro de saúde
photo_camera Varios técnicos sanitarios apoian as demandas que expón o PSOE á Xunta.

Reclamar á Xunta de que dote a Lalín dunha ambulancia medicalizada é a reivindicación exposta este venres polo PSOE nunha concentración celebrada este venres, que contou coa presenza de Román Santalla, portavoz municipal; a responsable do Deza no grupo parlamentario socialista, María Pierres, o de Sanidade, Xullo Torrado, membros da agrupación local e técnicos sanitarios.

"Hoxe acábannos de informar de que neste centro sanitario faltan médicos e enfermeiros, e que unha ambulancia estase desprazando agora dende Santiago para cubrir unha emerxencia porque a única que temos está ocupada noutro servizo", expuxo Santalla. "Imaxinádevos que se trata dun problema grave", ou tempo de resposta aumenta e pon en risco a vida do paciente como xa temos comprobado", advertiu.

Na campaña electoral, o alcalde, José Crespo, "prometeu como primeira medida unha ambulancia medicalizada agora dálle as costas a cidadanía e o único que fai é poñer atrancos", recordou.

Torrado acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dun "desleixo permanente" e anunciou unha iniciativa na que expón o problema derivado da "actitude electoralista do PP sobre o CAR, que foi esquecido durante a etapa do anterior Goberno municipal e que agora se converteu nun novo centro de saúde para a que non hai compromisos nin partida orzamentaria, así como a situación de carencia de medios asistenciais de emerxencias".

Comentarios