Trasladado a un hospital tras chocar co seu coche contra unha casa en Cuntis

Outra persoa resultou ferida noutro accidente rexistrado nas últimas horas en Tomiño

Tres persoas resultaron feridas noutros tantos accidentes de circulación rexistrados na rede viaria galega nas últimas horas. En concreto, un dos sinistros ocorreu no municipio coruñés de Lousame, mentres que os outros dous rexistráronse en Cuntis e Tomiño.

Así, unha condutora resultou ferida este martes tras chocar o seu vehículo contra varias árbores cando circulaba pola estrada de Boiro a Cima Redondo, ao seu paso por Lousame. 

Segundo informou o 112 Galicia, foi a propia implicada no accidente quen avisou ao Servizo de Emerxencias sobre as 6,45 horas para pedir axuda. Ata o lugar desprazáronse o 061 e os Bombeiros de Boiro, que atoparon á muller fóra do vehículo. Así, foi un familiar quen socorreu á muller ante as súas chamadas de alerta, comunica o Servizo de Emerxencias. 

Deste xeito, o Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Boiro comprobou que o coche se saíu da vía e foi chocando contra varias árbores ata a súa detención definitiva. 

A muller, que responde as iniciais A.R.S.F, de 46 anos de idade, foi trasladada en ambulancia ao hospital do Barbanza, segundo informou o 061 a Europa Press.

CHOQUE CONTRA UNHA CASA. No segundo dos accidentes, que sucedeu no lugar de Guldrigáns, en Cuntis, sobre as 21.20 horas do luns, unha persoa resultou ferida tras chocar contra unha casa co seu turismo. 

Segundo informa o 112 Galicia, o condutor sufriu lesións de diversa consideración, polo que foi evacuado por unha ambulancia do 061 Urxencias Sanitarias ao Hospital Domínguez de Pontevedra. 

Doutra banda, tamén na provincia de Pontevedra, unha persoa resultou ferida na tarde deste luns nun accidente rexistrado en Tomiño, no que un vehículo se saíu da vía e derrubou un poste de iluminación pública. 

Segundo informa o 112, o sinistro tivo lugar sobre as 18,45 horas na PO-344, na estrada de Gondomar a Tomiño. Ata o lugar desprazouse a empresa subministradora da enerxía eléctrica da localidade pontevedresa.