Trinta alumnos inician en Lalín a súa primeira inmersión lingüística en inglés

O Campus, que organiza a UNED, pretende ser un espazo de aprendizaxe a través da fórmula dun campamento urbano de verán
José Crespo dio la bienvenida a los jóvenes que se formarán en el Campus de la UNED. DP
photo_camera José Crespo deu a benvida aos mozos que se formarán no Campus da UNED. DP

O alcalde de Lalín, José Crespo, deu a benvida aos 30 alumnos e alumnas participantes no primeiro Campus que organiza a UNED na capital do Deza. Os mozos recibiron as primeiras indicacións de como sería esta experiencia de inmersión lingüística en lingua estranxeira que levarán a cabo da man dos docentes Manuel Bea Pintos, Elisa Cotelo Remiseiro e Nion Ross Geraghty.

Por outra banda, e de común acordo cos pais e titores dos nenos participantes, informóuselle ao alumnado deste curso que só se permitirá o uso de teléfonos móbiles en momentos previamente pautados e regulados para conseguir a máxima atención dos alumnos e favorecer tamén unha mellor socialización entre eles sen as interferencias e dificultades engadidas que provoca o uso de smartphones.

Esta iniciativa formativa estival que desenvolve por primeira vez a UNED de Pontevedra en Lalín, máis concretamente no albergue de Mouriscade, está especialmente indicada para mozos con idades comprendidas entre os 10 e os 15 anos. Pretende servir, a través da fórmula dun campamento urbano de verán, de espazo de aprendizaxe que lle permita aos participantes dominar as técnicas de comprensión e comunicación en inglés de forma que se perda o medo a falar, gañar confianza e comunicarse dun xeito natural.

A idea é descubrir de forma lúdica e divertida unha contorna próxima utilizando o inglés como ferramenta de comunicación durante toda a actividade ademais de ampliar as relacións sociais e humanas, facendo novas amizades que permitan un maior afán de logro e o aumento da autoestima. Durante o campus fomentarase tamén o traballo en equipo e a responsabilidade individual nas tarefas comúns nun ambiente enriquecedor para o que se desenvolverán diversas actividades deportivas e culturais cun amplo caudal de posibilidades enriquecedoras para a personalidade dos particpantes.

Comentarios