Unha trintena de nenos disfrutan do Campamento de Nadal en Forcarei

undefined
photo_camera Verónica Pichel visitou aos nenos que participan no campamento. DP

Con moita ilusión e gañas de pasalo ben. Así chegaron este mércores as nenas e nenos forcaricenses ao Campamento de Nadal do Concello de Forcarei que se inaugurou nas instalacións do auditorio de Soutelo e do centro Social de Forcarei. Concretamente, participan nesta actividade un total de 30 cativos, 15 en Soutelo e 15 en Forcarei de entre 3 e 12 anos.

A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, mostrouse satisfeita pola boa acollida deste campamento. "Con esta iniciativa queriamos axudar as familias do concello coa conciliación e ofrecer ás nenas e nenos unha actividade divertida e educativa para esta temporada de vacacións, e o interese por participar foi moi grande", manifestou.

Este primeiro día estivo dedicado ás manualidades e os pequenos confeccionaron adornos de Nadal para a aula e un candelabro personalizado para decorar a mesa das comidas festivas. Este xoves coñeceron a historia do Apalpador e escribiron a carta a Papá Noel, e durante as próximas semanas poderán participar en obradoiros de cociña, de agasallos, concursos de postais de nadal, xincanas de xogos, sesións de cine e ata celebrarán unha festa de fin de ano, con cotillón e badaladas incluídas, ou o amigo invisible, entre moitas outras actividades.

A pesar de que toda a programación pode desenvolverse no interior do auditorio e do centro social, sempre que a meteoroloxía o permita está previsto que se organicen actividades no exterior, para que as rapazas e rapaces poidan pasar máis tempo ao aire libre.

Comentarios