Os veciños de Caldas mobilízanse para manter vivos a hostalería e o comercio

Varios centos de manifestantes reclaman axudas ás administracións central e autonómica para evitar os peches
Un grupo de manifestantes en al concentración muestran sus pancartas en As Palmeiras. CEDIDA
photo_camera 2020111312474035200

Centos de veciños de Caldas de Reis mobilizáronse este xoves para conseguir un obxectivo: manter vivos a hostalería e o comercio, dous sectores cun determinante peso específico na a economía deste municipio. A resposta á convocatoria da Asociación de Hostaleiros desbordou as súas mellores expectativas.

Ás 11.00 horas, a práctica totalidade dos establecementos baixaron as súas persianas e os clientes saíron á rúa para secundar a demanda. Ao redor de medio centenar de persoas concentráronse nun dos extremos da Rúa San Roque, o punto de partida da marcha, que enfilou en dirección á ponte do río Bermaña.

Neste lugar, os organizadores decatáronse da resposta á convocatoria, cando comprobaron que na Rúa Real estaban a esperalos centos de veciños para incorporarse ao percorrido en dirección ás Palmeiras, espazo ao que accederon a través das escaleiras. Foron ao redor de 400 os participantes.

Miguel Piñeiro, o presidente da Asociación de Hostaleiros de Caldas de Reis, foi o encargado de ler o manifesto, e solicitou a aplicación ERTEs para facer fronte á caída da demanda ou a exoneración total das cotas á Seguridade Social. Outra reclamación exposta é a suspensión do pago da cota de autónomos ou que a Xunta dispoña unha axuda directa para este colectivo.

"Estamos todos no mesmo barco e se rompe un só elo imos á deriva", advirte o presidente de Caldas Centro Comercial Aberto

Para garantir a liquidez das empresas, reclamou moratorias de carencias e a prolongación de prazos dos créditos ICO concedidos antes do verán, xa que se concibiron para un curto espazo de tempo sen facturación, e a incerteza causada pola covid-19, non permite saber cantos meses poderían alongarse as restricións.

A exoneración de taxas municipais (IAE, por lixo, terrazas e vehículos) é outra das peticións feitas públicas, ademais de solicitar o fraccionamiento do desembolso correspondente ao IVE e demandar axudas directas.

"Os hostaleiros velamos polo cumprimento das normas que nos impoñen con carteis informativos para o uso de máscaras, distancias de seguridade e cotas por mesa, e non somos responsables do incumprimento por parte do cliente", subliñou.

"Non somos policías, e vemos moi inxustas as sancións aos propietarios", agregou Piñeiro na recta final da súa intervención, que deu paso a un longo aplauso.

"Pensabamos que acudirían entre 50 e 80 persoas", afirmou ao finalizar o acto. Piñeiro recoñeceu que unha das claves do éxito foi a implicación de Caldas Centro Comercial Aberto, cuxo chamamento para pechar as portas durante unha hora obtivo un apoio unánime. "Chapeau por el", dixo referíndose ao seu presidente, José Manuel Louzao.

"Estamos todos no mesmo barco e se rompe un só elo imos á deriva", advertiu Louzao, ademais de lamentar que se estea "criminalizando" á hostalería. Respecto dos representantes das administracións públicas, dixo que "non viven no mundo real, por iso toman decisións que non teñen pés sen cabeza".

PSOE e PP estiveron representados polos seus concelleiros. Os edís do BNG non acudiron por motivos laborais.

Nun comunicado, o alcalde, Juan Manuel Rey, felicitou a Asociación de Hostalaría pola "excelente organización e a enorme afluencia á manifestación contra as restricións e pola supervivencia do sector", e expresou o apoio do Goberno local ás súas demandas, que considera "xustas nun escenario sanitario do que non teñen culpa, pero do que están sendo os grandes prexudicados".

Comentarios