Os veciños de Caldas de Reis reciclaron 3.000 toneladas de vidro en 25 anos

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, anuncia a posta en marcha dunha campaña destinada a intensificar os procesos de recollida selectiva e reciclaxe de residuos
Contenedor de vidrio
photo_camera Colector de vidro. EP

Desde fai un cuarto de século, en varios puntos distribuídos polo centro urbano de Caldas de Reis e nos lugares situados no rural están instalados os colectores habilitados para a recollida do vidro. Desde entón, comezaron a celebrarse as campañas destinadas a promover a súa recollida e reciclaxe, un labor da que se encarga o Servizo de Medio Ambiente.

Alcanzados os 25 anos de actividade, o Goberno local quere aproveitar estas efemérides para programar unha serie de actividades que se desenvolverán ao longo do último trimestre deste ano. A finalidade que persegue esta iniciativa é pór de relevo o esforzo realizado polos veciños do municipio e, tamén, o compromiso do Goberno local neste apartado.

Computados os datos correspondentes a este exercicio, son máis de 3.000 as toneladas recollidas en 25 anos. Das catro toneladas do primeiro (1994), a media situouse en 140, que equivale máis de 14 por habitante.

O Concello de Caldas de Reis anunciou onte que desenvolverá unha campaña informativa e de sensibilización sobre a importancia do reciclaxe do vidro para o aforro de enerxía e a redución das emisións de CO2, a limitación da extracción de materias primas da natureza e a redución dos custos derivados da recollida do lixo que vai ao vertedoiro.

Nesta iniciativa, o Executivo socialista implicará a Ecovidrio, unha entidade sen ánimo de lucro encargada da recollida e reciclaxe dos envases de vidro que realiza o seu labor en España, á Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo e aos centros educativos do municipio, ademais das asociacións de comerciantes e hostaleiros, entre outras entidades e colectivos.

O tenente de alcalde de Medio Ambiente e deputado provincial, Manuel González, destacou que neste mandato van ser intensificados os procesos de recollida selectiva e reciclaxe de residuos, enmarcados nun modelo de desenvolvemento local sostible e de economía circular, un obxectivo polo que considera necesario traballar en común con toda a cidadanía, os comerciantes e a hostalería e así poder ampliar e mellorar este servizo. O Concello de Caldas de Reis espera chegar a contar este ano con 150 colectores para esta finalidade, 25 máis dos dispoñibles actualmente.

Comentarios